O Concello de Lalín cambiará de emprazamento os postos de venda de sementes e verduras que na actualidade se atopan no Campo da Feira Novo, a carón do Lalín Arena. A súa nova ubicación, unha vez se completen os trámites administrativos pertinentes, será na zona do Regueiriño, en concreto no treito da rúa Caracas que vai dende a rotonda da rúa Habana ata a rotonda da rúa Escaldes-Engordany .
A medida responde a unha petición dos propios feirantes que consideran que o seu actual emprazamento non ofrece as mellores condicións para desenvolver a súa actividade. Entre outras cousas, os comerciantes queixábanse de que o Campo da Feira Novo tan só conta cunha entrada, co que os postos situados ao final apenas teñen afluencia de clientes. Ademais, o Goberno municipal considera que o cambio de espazo tamén permitirá mellorar a comodidade e seguridade para os usuarios, xa que desta maneira evitará ter que cruzar a avenida Xosé Cuíña, que conta cunha gran volume de tráfico.
A rúa Caracas, pola súa banda, reúne as características indicadas para propiciar a instalación dos postos e incrementar o número de clientes. Non só conta con varias entradas, senón que tamén dispón nas súas inmediacións de suficiente espazo para que tanto comerciantes como usuarios poidan colocar as súas mercadorías e estacionar os seus vehículos. Desta maneira as tarefas de montaxe de desmontaxe dos postos tamén será máis sinxela e os postos serán máis accesibles para os clientes.
Ademais, o cambio de emprazamento permitirá incrementar o número de prazas para feirantes. Neste momento hai 25 postos autorizados e varias solicitudes que non se poden atender por falta de espazo no Campo da Feira Novo. No conxunto da Feira de Lalín hai un total de 18 solicitudes de novos postos -non todos de verduras e sementes- ás que se lles intentará dar resposta en canto aumente a dispoñibilidade de espazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario