O Concello de Lalín e Protección Civil de Lalín organizan a I Xornada de Protección Civil e Emerxencias, que se celebrará o sábado 7 de maio no Auditorio Municipal. No evento poden participar, ademais de profesionais da seguridade e das emerxencias, todos os cidadáns interesados no contido. Este vai enfocado a mellorar a formación tanto teórica como de carácter práctico das persoas encargadas de velar pola seguridade cidadá, co obxectivo engadido de dar a coñecer entre a cidadanía o traballo dos corpos de emerxencias.
A xornada, que contará con poñencias, talleres e mesmo simulacros, posiciónase como unha gran oportunidade para que o público xeral e os profesionais responsables do control de riscos derivados de situacións que poden provocar danos na poboación incrementen de maneira notable os seus coñecementos e desenvolvan as aptitudes necesarias para levar a cabo os protocolos pertinentes adaptados ás diferentes situacións que se poden dar en caso de emerxencia. Os participantes recibirán un diploma acreditativo expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)e o Concello de Lalín.
A I Xornada de Protección Civil e Emerxencias de Lalín comezará ás 09.00 horas, coa acreditación dos asistentes e o acto de apertura. A continuación terán lugar as charlas “Triaxe básico” e “Atención psicolóxica a intervintes en catástrofes”. Ás 10.45 horas, haberá actos de honra e homenaxes, para dar paso posteriormente ás poñencias de título “Os máis vulnerables, motoristas, ciclistas e peóns” e “Posibilidades dos drons nas emerxencias”. Logo do descanso para xantar, ás 17.00 horas, celebrarase un simulacro de busca de persoas, para clausurar a xornada ás 19.00 horas. De 12.00 a 14.00, terán lugar de xeito simultáneo varios obradoiros, polo que os asistentes deberán elixir en cal participan. Poderán escoller entre o taller de DESA (desfibrilación semiatutomática), impartido por Semes, o taller de comunicacións ofrecido pola Axega, o taller de traslado involuntario, paciente psiquiátrico ou agresivo, impartido por Asgate, o taller de politraumatía, impartido por Asgate e Protección Civil de Lalín, ou o obradoiro de manexo de ERAS (equipos de respiración autónomos), que ofrecerán membros dos corpos de Protección Civil de Lalín e de Cangas.
As inscricións na xornada débense realizar a través de Agasp ou de Protección Civil de Lalín ata o martes, día 3 de maio. A asistencia ás charlas e ao simulacro é gratuíta, mentres que os talleres teñen un prezo de inscrición de 10 euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario