O PSOE de Trazo vén de interpoñer recurso de reposición contra a convocatoria e os acordos adoptados na sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal de Trazo celebrada ás 12:00 horas do 18 de marzo de 2016. Os socialistas consideran que son nulos de pleno dereito xa que o pleno non foi convocado cos dous días hábiles de antelación que, como mínimo, deben transcurrir dende a convocatoria e a celebración da sesión. Este incumprimento impediu o acceso dos concelleiros socialistas aos expedientes relativos a puntos tan importantes aprobados nese Pleno, como son os orzamentos municipais de 2016 ou o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O concelleiro socialista Jorge Noya xa advertira desta irregularidade antes do inicio da sesión: “puxen de manifesto que non fora convocado para o Pleno coa antelación que establece a lexislación, polo que a convocatoria e a celebración do Pleno eran nulos de pleno dereito”. Así mesmo, Noya Pereiro indicou que se reservaba o dereito a impugnar os acordos que se adoptasen nesa sesión “xa que se me ten impedido consultar os expedientes relativos á sesión coa antelación suficiente, lesionando o meu dereito a participar en igualdade de condicións nese pleno”. Porén, as consideracións do concelleiro socialista foron desatendidas polo alcalde de Trazo, que decidiu celebrar a sesión.
O PSOE de Trazo lembran que esta actitude obstruccionista do alcalde co labor da oposición e a vulneración dos dereitos fundamentais dos concelleiros dos grupos da oposición non son algo novo no municipio, como confirmou o mes pasado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao desestimar o recurso de apelación interposto polo alcalde de Trazo, Xosé Dafonte, contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña que o pasado mes de setembro de 2015 denunciaba a actitude obstruccionista do alcalde á actividade da voceira do PSOE de Trazo, Beatriz Domínguez, así como a vulneración do dereito fundamental da concelleira ao exercicio das súas funcións no Concello de Trazo.
Fundamentos xurídicos
Os socialistas explican que o pleno e os acordos tomados son nulos de pleno dereito, tal e como recolle o artigo 62 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (LRXPA), xa que o alcalde Xosé Dafonte vulnerou as regras esenciais da convocatoria dos plenos municipais, recollidas no artigo 46.2 da Lei de Bases do Réxime Local (LRBL), e que o obrigan a convocar aos concelleiros cun mínimo de dous días hábiles de antelación á celebración da sesión plenaria.
Neste caso, a notificación enviouse o 16 de marzo de 2016, ás 10:00 horas, cando o Pleno se fixou para o venres 18 de marzo de 2016, ás 12:00 horas. O artigo 46.2.b da LRBL establece que as sesións plenarias se convocarán con dous días hábiles, polo menos, de antelación ao día da súa celebración. As únicas excepcións a esta norma son as sesións extraordinarias de carácter urxente e as sesións de comparecencia das concelleiras para responder diante do pleno. Ademais, o artigo 48.4 da LRXPA establece que eses dous días hábiles contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación, polo que a sesión debería terse realizado como moi pronto o sábado 19 de marzo ou o luns 21 do mesmo mes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario