Lalín impulsa un estudo do comercio local

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantivo eunha reunión co presidente da AED (Asociación de Empresarios do Deza), Antonio Lamas, e co consultor especializado en comercio e distribución de mercados, José Manuel Bouzón, que se centrou na adopción de novas medidas a través das que dar resposta da maneira máis eficaz ás necesidades e retos do sector comercial de Lalín. No encontro decidiuse promover a realización dun estudo en profundidade da situación do comercio local, que será tido como referencia para definir unha nova estratexia de dinamización. 

O estudo será desenvolvido nas próximas semanas pola asesoría de Bouzón, experto en actividade comercial que xa ten participado no deseño e posta en marcha de numerosos proxectos deste tipo. Centrarase en extraer as principais debilidades, carencias, vantaxes, fortalezas e oportunidades do comercio de Lalín, para definir baixo datos obxectivos e cuantificables as liñas mestras dunha futura estratexia de dinamización comercial.

O alcalde e o presidente da AED apostaron por manter reunións permanentes co sector e ir da man neste proceso que ten por principal obxectivo potenciar a actividade comercial e dinamizar, ao mesmo tempo, a vida social e cultural da vila. O estudo da situación, que se desenvolverá coordinadamente coa AED, estará dividido en dúas fases e terá un custo de 20.000 euros -10.000 cada fase- que serán afrontados polo Concello. A análise versará sobre a situación xeral do sector na vila, aínda que terá especial incidencia no Centro Comercial Aberto. O proxecto comprenderá dende a realización dun censo de comercios ata entrevistas persoais con comerciantes para coñecer de preto as súas opinións sobre as principais necesidades do sector.

O alcalde de Lalín considera de “enorme importancia” a realización deste estudo que “será unha axuda imprescindible para definir as mellores accións a través das que conseguir a máxima reactivación do noso comercio”. Cuíña explicou que a posta en marcha do traballo servirá como “un antes e un despois para o comercio de Lalín ao contarse por vez primeira con datos obxectivos cos que definir as estratexias de dinamización”.

Pola súa parte, o presidente da AED, Antonio Lamas, agradeceu "a receptividade" amosada polo Concello de Lalín respecto ao proxecto para o comercio xestionado dende hai meses con José Manuel Bouzón e salientou que "a implicación municipal no seu financiamento permitirá estruturar mellor e profesionalizar as tarefas e os esforzos para a dinamización do sector". Ademais, interpreta que "aínda que ao financiarse con fondos públicos, o proxecto estará aberto a todos os comercios, o protagonismo que terá a AED na súa execución podería ser incluso unha oportunidade para captar novos asociados para o Centro Comercial Aberto de Lalín".

Ningún comentario: