Pepo
Suevos, Oswaldo Digón e David Amor presentan ‘Hai P.O.D.’ en Falabaratos
- As entradas, a 15 euros (13€ no anfiteatro), poden mercarse
en Novagaliciabanco ou nas billeteiras do Teatro Principal (abertas de
martes a sábado de 18 a 21h)
- Despois de ‘Hai P.O.D.’ teremos en Falabaratos a Godoy
presentando ‘Verás que todo es mentira’ o 8 de xuño tamén no Teatro
Principal
Santiago de Compostela,
30/04/2012.- O ciclo
‘Falabaratos. Monólogos, contos e outras historias’ propónnos un novo
espectáculo mañá, martes 1 de maio ás 21.00h no Teatro Principal. Será cos
humoristas Pepo Suevos, Oswaldo Digón e David Amor, que nos presentan ‘Hai
P.O.D.’ As entradas para este espectáculo a 15 euros (13€ no anfiteatro), poden
mercarse en Novagaliciabanco ou nas billeteiras do Teatro Principal (abertas de
martes a sábado de 18 a 21h). Despois de ‘Hai P.O.D.’ teremos en Falabaratos a
Godoy presentando ‘Verás que todo es mentira’ o 8 de xuño tamén no Teatro
Principal.
‘HAI P.O.D.’
No principio foi o “walkman”. Despois chegou o
“Mp3”. Hoxe en día … HAI P.O.D.
Como evolucionou a tecnoloxía!!!
E o que lle queda!!! De feito, estes avances poderían ser o fío argumental dun
espectáculo cómico, non? Pois aquí o está. Este é un espectáculo ideado,
escrito e protagonizado por tres dos humoristas galegos máis prolíficos e
aclamados dos últimos tempos. Despois de miles de horas facendo rir en bares e
tabernáculos de toda índole, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e David Amor, deciden
dar o salto aos grandes escenarios, os teatros, para darlle unha nova dimensión
ao seu traballo. Pero queren facelo dun xeito especial, fuxindo dese sistema
tan utilizado do “monólogo sucesivo”. A súa capacidade creativa permítelles
abordar este proxecto dun xeito máis teatral, sen escaparlle a ningunha faceta
das que se lle poden aparecer aos actores convencionais (cantar, bailar, facer
personaxes, etc). Se ademais, aproveitan a gran complicidade existente entre
eles para convivir enriba do escenario, e utilizan a súa ampla experiencia no
corpo a corpo para xogar e improvisar co público, está claro que este
espectáculo vai ser unha bomba completamente impredecible. O único que está
claro é a misión deste “comando tecnolóxico”: a xente ten que rir, que para
chorar xa están os informativos.
Pepo
Suevos
Desde que comezou a traballar no mundo do humor e o
espectáculo hai once anos, o ferrolán Pepo Suevos tense convertido nun dos
cómicos galegos máis prolíficos con preto de 1.000 representacións no seu
currículo. Un auténtico monstro dos escenarios capaz de facer rir en todo tipo
de contextos, especialmente en bares, cervexerías e outros tabernáculos. Proba
da súa habilidade como contacontos foi o monólogo de dez horas consecutivas que
ofreceu a finais de 2010 en Carral para celebrar, precisamente, os seus décimo
aniversario como comediante. Cantante, deportista, imitador, dobrador ou mesmo
bailarín, o polifacético Pepo Suevos deu o salto ás pantallas, participando en
series como Mareas Vivas, Rías Baixas, Terra de Miranda, Matalobos (TVG) ou
mesmo a estatal Piratas e en filmes como Entre bateas, Heroína ou máis
recentemente Secuestrados. E ademais de actor, tamén traballa como guionista en
programas como Land Róber ou, na actualidade, Tourilandia.
Oswaldo Digón
Comezou como contacontos na súa Sada natal e pouco a
pouco foise metendo no mundo dos monólogos e o humor en directo até convertelo
no seu modo de vida. Nos seus relatos Oswaldo bota man de historias e
experiencias persoais como a da súa nai ninja, memorable monólogo. A
presentación de galas e actos de todo tipo é unha das súas especialidades,
xunto coa produción frenética de espectáculos teatrais e cómicos con outros
actores e humoristas do país: o prometedor HaiPOD (con Pepo Suevos e
David Amor), Humor y otras gaitas (con Rober Bodegas e David Amor), Los
Duguis (con Gary e Marita Martínez) ou Ora Impronobis, un
espectáculo para pequenos locais baseado na improvisación e na interacción co
público. Oswaldo Digón tamén é guionista do programa da TVG Tourilandia.
David Amor
Un casting para o programa da TVG O rei da comedia
botou a andar a paixón innata de David Amor polos monólogos, o humor e a leria
en xeral. Desde as terras do Deza, pouco a pouco David Amor foise facendo un
oco no panorama televisivo e artístico galego, participando en programas da TVG
como Supermartes, A terra dos prodixios, Luar ou Land Róber, onde traballou
como guionista. En 2010 dá o salto á televisión estatal no programa El club del
chiste, un proxecto que compaxina coas representacións de HaiPOD, Humor y otras
gaitas e outros espectáculos en directo. A outra paixón de David Amor é o
balonmán (deporte que, curiosamente, tamén practicaron outros coñecidos
humoristas galegos como Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro e Rober Bodegas),
chegando a xogar mesmo na liga Asobal en equipos como o Teucro ou o Artai
Ningún comentario:
Publicar un comentario