Oroso - o alcalde retoma este domingo as reunións cos veciños



MANUEL MIRÁS RETOMA ESTE DOMINGO OS “ENCONTROS CO ALCALDE”, RESPONDENDO ÁS PREGUNTAS DOS VECIÑOS DE CARDAMA E MARZOA

As citas terá lugar este domingo 6 de maio, ás 11:30 horas no atrio da igrexa de Cardama e ás 16.30 horas no local social de Marzoa

2 de maio de 2012.- O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, retomará este domingo 6 de maio os “Encontros co alcalde” cunha dobre cita nas parroquias de Cardama e Marzoa. O primeiro edil orosán amósase moi satisfeito co desenvolvemento da primeira cita, celebrada o pasado mes de abril en Trasmonte, xa que “é bo que a xente saiba o que facemos e poida preguntarnos e transmitirnos as súas inquedanzas e dúbidas. Nós non temos vergoña de dar a cara e de falar da nosa xestión diante dos veciños de Oroso, non como outros que lles torcen a cara unha vez pasadas as eleccións”.


Por iso, Mirás Franqueira confirma que “os encontros van continuar, aínda que non sexa cun calendario estricto, pois o que se busca é poder dialogar cos veciños, intercambiar opinións, coñecer as súas propostas e ideas nun ambiente máis cercano a eles e lonxe da formalidade que pode ter unha visita á Casa do Concello”.

O primeiro dos encontros deste domingo 6 de maio terá lugar ás 11:30 horas no atrio da igrexa de Cardama (no caso de choiva, a reunión trasladaríase ata o local social de Cardama, situado xusto enfronte). No caso de Marzoa, a cita será ás 16:30 horas no local social da parroquia. En ambos casos, Manuel Mirás fará unha primeira intervención na que dará a coñecer aos veciños as xestións realizadas ata o momento, especialmente nas súas respectivas parroquias, e despois responderá ás preguntas e dúbidas dos asistentes.


Ningún comentario: