Oroso - novidades da XVI festa da troita


UN TORNEO DE GOLF E UN RENOVADO CAMPIONATO DE PESCA SERÁN AS NOVIDADES DA XVI FESTA DA TROITA DE OROSO, QUE TERÁ LUGAR DO 11 AO 13 DE MAIO

O Concello de Oroso elaborou un completo programa de festexos, que mantén as actividades características da Troita pero cun aforro de preto do 50%

María Mera, actriz da serie “Matalobos”, será a encargada de dar o pregón       

25 de abril de 2012.- O Concello de Oroso vén de pechar a programación da súa gran festa: a decimosexta edición da Festa da Troita, que terá lugar en Sigüeiro os días 11, 12 e 13 de maio. Unha programación que non só mantén as actividades características da Festa da Troita, que a levaron a ser a primeira e única festa da comarca de Ordes declarada de Interese Turístico, senón que este ano presenta dúas importantes novidades: a primeira edición do Torneo Picht & Putt Festa da Troita de Oroso e un renovado campionato de pesca, que por primeira vez se rexerá pola modalidade de pesca sen morte de acordo coas reglas da Federación Galega de Pesca.


O coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira, explica que “a pesar dos tempos que corren, conseguimos pechar un completo programa de actividades no que non só mantemos as actividades tradicionais da Festa da Troita, senón que as incrementamos con novas propostas como o torneo de golf ou o novo campionato de pesca, que permitira que tanto pescadores como visitantes poidan disfrutar con dúas xornadas de pesca”. Neste sentido, Leira Piñeiro recalca o importante traballo de xestión realizado nas últimas semanas, “un esforzo e unhas xestións que permitirán aforrar preto do 50% do orzamento, mantendo as actividades que máis gustan e que máis demanda o público”.

Golf e campionato


Así, fiel ao seu espírito de renovación, a XVI Festa da Troita incluirá como gran novidade a celebración do I Torneo Picht & Putt Festa da Troita, que terá lugar o sábado 12 de maio, de 10:30 a 13:45 horas. Unha competición que se desenvolverá no campo de Tambre Golf en Porto Avieira.

A outra gran novidade deste ano mellora o tradicional concurso de pesca, que pasa a convertirse en campionato baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. Antonio Leira destaca que “con este cambio poderemos ampliar as horas de pesca, de xeito que o campionato pasará a durar todo un día fronte ás catro horas de anos anteriores”.

Así, o campionato de pesca pasará a celebrarse o sábado 12 de maio, no canto de ter lugar na mañá do domingo. Este feito suporá unha importante mellora loxística, pois non haberá retraso no pregón, que este ano correrá a cargo da actriz María Mera, e na entrega dos premios. Para participar no concurso é necesario ter tramitada a licenza federativa, que ten un custe de 15 euros (adultos) e 5 euros (infantil). O Concello de Oroso pode facilitar a tramitación da licencia para aquelas persoas que non a teñan, facendo o interesado o correspondente ingreso na conta da FGP: Novagalicia banco 2080-0176-96-3040010672.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 7 de maio no Departamento de Deportes do Concello de Oroso, no 981 92 79 01 ou no mail deportes@concellooroso.com. Os participantes deberán encher unha folla de inscrición, que poden descargar da web municipal (www.concellooroso.com).


Degustación e orquestras


Polo demais, a XVI Festa da Troita manterá os seus sinais de identidade que a levaron a converterse en Festa de Interese Turístico. Así, ás 12:30 horas do domingo 13 de maio terá lugar a tradicional degustación de troitas na alameda de Góis, á que este ano se suman un total de 34 establecementos hostaleiros do municipio. Ademais, manterase o Festival Oroso en Vivo, que traerá a Oroso ás mellores orquestras do momento: París de Noia e Olimpos (venres 11 de maio), Salsa Rosa e Fania (sábado 12 de maio) e Bámbola (domingo 13 de maio).

Tamén se mantén outra das iniciativas máis aplaudidas dos últimos anos: a Feira de Artesanía e dos Oficios, na que o programa de incorporacións aínda non está pechado definitivamente. Canda a Feira dos Oficios figuran outros dos iconos máis representativos da Troita: o Festival Folclórico de Buxos Verdes (Senra) e Lembranzas do Tambre (Sigüeiro), que terá lugar este ano na praza de Alexandre Bóveda o domingo 13 de maio ás 18:30 horas.

Programación infantil e xuvenil

Finalmente, o Concello de Oroso non se esquence da población infantil que, ademais de poder tomar parte o domingo no Campeonato de Pesca Infantil no río Carboeiro, tamén poderá participar nuns obradoiros deseñados especialmente para eles durante a xornada do sábado 12 de maio na praza de Isaac Díaz Pardo (en horario de mañán e de tarde).

Así mesmo, o Concello de Oroso fará este ano un guiño especial á mocidade do municipio organizando unha exhibición de bailes e de hip-hop que terá lugar o sábado 12 de maio, a partir das 19:30 horas, na praza de Isaac Díaz Pardo.

Ningún comentario: