A MANCOMUNIDADE DE ORDES E A ONG
MÉDICOS
DO MUNDO ORGANIZAN XORNADAS FORMATIVAS
E INFORMATIVAS SOBRE SAÚDE E
INMIGRACIÓN
O xoves 26 de
abril terá lugar unha xornada dirixida á formación do persoal técnico e
político da comarca ordense, mentres que durante os próximos meses formarase a
mulleres árabes como axentes de saúde
20 de abril de 2012.- A Mancomunidade
de Municipios de Ordes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e a
ONG Médicos do Mundo organizan unhas xornadas formativas e informativas sobre
saúde e inmigración, que terán lugar ao longo dos vindeiros meses. Dúas
iniciativas que buscan un dobre obxectivo: incrementar a formación do persoal
técnico e político da comarca ordense en materia de saúde e inmigración, ao tempo
que se facilita información directa sobre saúde a mulleres de orixe árabe.
Así, o CIM de Ordes e Médicos do Mundo
organizarán ao longo deste ano 2012 unha serie de xornadas informativas sobre
temas relacionados coa saúde dirixidas a mulleres de orixe árabe da comarca
ordense. Un destes encontros terá lugar mañá mesmo, sábado 21 de abril, en
Ordes.
Unhas charlas que permitirán a obtención dun
certificado como “axentes de saúde” a todas aquelas mulleres que realicen un
aproveitamento efectivo destas xornadas. Uns “axentes de saúde” que se
encargarán de transmitir todo o que aprenderon a outras mulleres na súa mesma
situación social. Deste xeito, potenciarase a adopción de actitudes e
comportamentos axeitados no que atinxe á saúde dentro do colectivo de mulleres
árabes da comarca.
Sensibilización de técnicos e políticos
O segundo piar deste programa será unha xornada
formativa: “Saúde e inmigración”, que terá lugar o vindeiro xoves 26 de abril
en Ordes. Unha xornada dirixida a personal técnico e político, especialmente
das áreas de Servizos Sociais e Benestar, dos sete concellos que compoñen a
Mancomunidade de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
Nesta xornada abordaranse temas como o dereito á
saúde, os mitos e crenzas sobre a poboación inmigrante e cuestións relacionadas
coa saúde no país de orixe. Ademais, os asistentes aprenderán técnicas para
mellorar a súa relacións co colectivo migrante dos seus respectivos municipios.
Estas dúas iniciativas están enmarcadas dentro do
Programa de Mellora do Acceso da Poboación Inmigrante de Galicia ao Sistema
Sanitario Público, que desenvolve a ONG Médicos do mundo, e que serven
tamén de conmemoración do Día Mundial da Saúde, que este ano está adicado ao
envellecemento e a saúde baixo o lema: “a boa saúde engade vida aos anos”. E é
que gozar de boa saúde durante toda a vida pode axudar a ter unha vida máis
plena e productiva na vellez, así como desempeñar un papel activo tanto no
ámbito familiar como social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario