O CONCELLO DE TEO AMOSA O SEU MALESTAR POLA CAMPAÑA DE INSPECCIÓNS INDISCRIMINADAS CONTRA O SECTOR HOSTELEIRO
·
O goberno municipal
cuestiona as formas nas que se están realizando as visitas das forzas de
seguridade aos establecementos.
·
O Concello quéixase por non
ter información previa desta iniciativa e advirte un claro desenfoque nos
obxectivos da campaña.
24 de abril de 2012.- O goberno municipal de Teo expresa o seu
malestar pola campaña indiscriminada de inspeccións que están padecendo nas
últimas semanas os establecementos hosteleiros do municipio, con visitas das
forzas de seguridade para verificar o cumprimento da normativa autonómica en
materia de bebidas alcohólicas e de tabaco.
O executivo non cuestiona o fondo desta iniciativa nin que as normas deban
ser cumpridas, pero rexeita as formas coas que se está procedendo nas
inspeccións. Así, nalgúns establecementos chegaron a entrar con ata seis
axentes, un despregue que resulta desproporcionado e innecesario para
inspeccións que na maior parte dos casos só examinan aspectos administrativos.
O Concello lamenta tamén non ter coñecemento previo desta vaga de
inspeccións, a pesar de que a normativa obriga á administración local a
tramitar a posteriori os expedientes e aplicar as sancións que poidan derivarse.
Por eso, o goberno considera que cando menos debería ter sido advertido desta
campaña.
As inspeccións están tendo un afán claramente recadatorio e meramente
formalista, xa que os establecementos están sendo denunciados por cuestións
como a carencia de carteis de prohibición de venda de bebidas alcohólicas a
menores ou a súa formulación inadecuada. Son faltas tipificadas como leves pero
que conlevan segundo a lei impulsada pola Consellería de Sanidade unha sanción
mínima de 601,01 euros.
Por eso, o goberno de Teo reitera que, sen prexuízo da necesidade de facer
cumprir a lexislación, a Xunta debería ter apostado por unha campaña
informativa previa e preventiva buscando a implicación dos profesionais do
sector hosteleiro e non unicamente a aplicación de sancións mediante formas
pouco oportunas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario