Oroso - ampliase o prazo para o curso de monitor en tempo libre


AMPLIADO ATA O 3 DE MAIO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO CURSO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE DO CONCELLO DE OROSO, DE 350 HORAS LECTIVAS

24 de abril de 2012.- O Concello de Oroso vén de ampliar ata o vindeiro 3 de maio o prazo de inscrición no curso de monitor de tempo libre, que o Concello orosán organiza en colaboración coa Escola de Tempo Libre Keltia. Un curso de 350 horas lectivas, 200 teóricas e 150 de prácticas laborais, que se impartirá todos os sábados e domingos dos vindeiros meses no centro cultural de Sigüeiro e que dá acceso a un sector con moita demanda de emprego, tanto en empresas como en administracións públicas.

O Concello de Oroso convoca un total de 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Aínda que terán preferencia os veciños e veciñas empadroados en Oroso, o curso está aberto a veciños de toda a comarca ordense. Os únicos requisitos precisos para participar son ter máis de 18 anos e dispoñer do graduado escolar ou equivalente (4º da ESO).

As clases terán lugar os sábados (de 9:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 20:30 horas) e os domingos (de 9:00 a 14:00 horas). A cuota de inscición é de 250 euros, que poderá aboarse en dous prazos. As inscricións formalizaranse no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, no teléfono 981 69 09 03 ou na web www.concellooroso.com.

Características do curso


Este curso de monitor de tempo libre será impartido por profesionais da Escola de Tempo Libre Keltia. As 200 horas lectivas teóricas impartiranse no centro cultural de Sigüeiro. Unhas sesións cunha metodoloxía eminentemente práctica na que monitores especializados tratarán distintas áreas formativas, entre as que destaca a área de animación onde os aprenderán técnicas de animación para a terceira idade, obradoiros de expresión musical, animación á lectura, xogos e, incluso, a organizar xornadas de teatro ou veladas con grandes xogos.

A maiores, os alumnos recibirán formación en áreas como psicoloxía, educación ambiental, expresión plástica e educación para a saúde, facendo fincapé en temas como drogodependencias, sexualidade ou primeiros auxilios. Finalmente, os participantes tamén recibirán unha formación en temas de organización, programación e lexislación.

Unha vez rematadas esas 200 horas teórico-prácticas, os alumnos deberán acometer outras 150 horas de práctica laboral. Unha vez conseguido o título, os alumnos terán acceso a un sector que nos últimos anos está a experimentar un gran crecemento e que demanda profesionais preparados.

Ningún comentario: