Axenda e tempo do martes 14 de xullo - Música, cine, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Vía Stellae 

Santiago - Festival vía Sacra - Sabela King

Santiago - Museo do Pobo Galego - inuguración de Débedas e Prestamos


Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Estalote

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

USC - O CIQUS e o IBM Research demostran a existencia de partículas efímeras

Un equipo mixto de investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) e de IBM Research (NYSE: IBM) conseguiu demostrar a existencia dos arinos, unha familia de moléculas extremadamente reactivas e de vida curta que foron suxeridas por primeira vez hai 113 anos. A técnica desenvolvida para o seu achado podería ter aplicacións en ámbitos como a química e a electrónica sobre superficies, concretamente para a elaboración de nanofitas de grafeno ou dispositivos unimoleculares.

No Universo existen billóns de moléculas. Algunhas delas son o suficientemente estables para ser illadas e caracterizadas, pero moitas outras teñen un tempo de vida tan curto que só poden ser identificadas de xeito indirecto, estudando os produtos das súas reaccións ou a través de métodos espectroscópicos. Entre este grupo de moléculas atópanse os arinos, cuxa existencia foi proposta por primeira vez en 1902. Dende entón, a química de arinos foi clave na síntese dunha gran variedade de compostos moi útiles, como os fármacos ou os materiais moleculares. O reto que presentan estas moléculas radica en que existen unicamente durante uns milisegundos, algo que ata hoxe facía extremadamente difícil o seu estudo.

Agora, a prestixiosa revista NatureChemistry publica a primeira imaxe dunha molécula individual de arino, froito do esforzo dun traballo conxunto realizado por investigadores do CiQUSda Universidade de Santiago (expertos na química de arinos) e científicos de IBM en Zürich, que desenvolveron unha técnica de microscopía con resolución atómica.

“Os arinos estúdanse nas materias de química orgánica en graos universitarios por todo o mundo. Polo tanto, é un alivio descubrir que estas moléculas existen en realidade”, afirma o profesor Diego Peña, químico na Universidade de Santiago de Compostela. “Devecemos por comprobar qué novos retos químicos se poden abordar mediante esta combinación entre a síntese orgánica e a Microscopía de Forza Atómica (AFM)”.

O proceso comezou coa preparación das moléculas precursoras dos arinos no CiQUS; posteriormente, os investigadores do IBM Research empregaron a punta dun Microscopio de Efecto Túnel (STM) para xerar arinos individuais a partir das moléculas precursoras, mediante manipulación atómica. Os experimentos realizáronse sobre unha fina capa de cloruro sódico a temperaturas próximas ao cero absoluto, co gallo de estabilizar os arinos. Unha vez que estas moléculas foron xeradas, os investigadores usaron a técnica AFM para medir as interaccións entre a punta do microscopio -que remata nunha única molécula de monóxido de carbono-, e a mostra, logrando deste xeito visualizar a estrutura molecular dos arinos. O resultado obtido foi unha imaxe con tal nitidez que os científicos puideron estudar a súa natureza química e as pequenas diferenzas entre os distintos enlaces.

“O equipo de IBM desenvolve dende 2009 varias técnicas punteiras que fixeron posible este logro”, di o doutorNikoPavliek, físico no IBM Research. “No caso deste estudo foi esencial seleccionar unha superficie illante sobre a que se adsorbesen as moléculas, así como unha punta do microscopio axeitada que permitise visualizalas. Cremos que esta técnica terá moita relevancia no futuro da química e da electrónica”.

O traballo é resultado do proxecto europeo PAMS (Planar Atomic and Molecular ScaleDevices), cuxo obxectivo consiste en desenvolver novos dispositivos electrónicos de tamaño nanométrico. Parte desta investigación está financiada por un proxecto AdvancedGrant do EuropeanResearchCouncil (ERC) concedido ao investigador de IBM GerhardMeyer, quen é coautor do traballo. Estes prestixiosos proxectos financian os mellores investigadores que traballan nas fronteiras do coñecemento en Europa.

O STM e a súa técnica derivada AFM son as principais ferramentas de traballo na investigación a escala atómica e molecular. O STM, que foi inventado por GerdBinnig e HeinrichRohrer no IBM Research - Zürich en 1981, permitiu aos científicos visualizar por primeira vez átomos individuais sobre diferentes superficies. Este microscopio revolucionario, polo cal os dous científicos recibiron en 1986 o Premio Nobel de Física, expandiu as fronteiras do noso coñecemento, revelando as propiedades das superficies e das moléculas ou átomos adsorbidos sobre elas.

CiQUS
Dende 2011, o CiQUS traballa na realización de investigación punteira e multidisciplinar na fronteira da química, a biomedicina e os materiais moleculares. Con 35 investigadores principais, preto de 30 investigadores posdoutorais e máis de 100 estudantes de doutoramento, as liñas de investigación deste centro singular da USC inclúen dende estudos básicos en química biomolecular e supramolecular, ata investigacións máis aplicadas para desenvolver novos materiais funcionais, con potenciais aplicacións tecnolóxicas ou biolóxicas.


IBM Research

Con 70 anos de historia e máis de 3.000 investigadores, repartidos en doce laboratorios situados en seis continentes, o IBM Research continúa definindo o futuro da tecnoloxía. Os avances de IBM Research contribuíron a que a compañía alcanzase o récord industrial de 7.534 patentes en 2014, facendo que IBM continúe a ser, despois de 22 anos consecutivos, o número un na lista de patentes rexistradas nos EEUU. Científicos de IBM Research foron galardoados con seis Premios Nobel, dez Medallas de Tecnoloxía de EEUU, cinco Medallas de Ciencia de EEUU, seis Premios Turing, 19 membros da Academia de Ciencias de EEUU e 20 membros do Hallof Fame dos investigadores en EEUU. 

Numax - Programación do 14 ao 19 de xullo

A mirada do silencio e Amy, novidades desta semana en NUMAX


Dous dos títulos que vos fomos anunciando estas semanas atrás chegan agora á nosa sala: é o caso de A mirada do silencio, documental no que Joshua Oppenheimer continúa a traballar na fenda aberta polo seu aclamado The Act of Killing e o seu arrepiante retrato dos responsábeis do xenocidio indonesio. Poderedes velo a partir deste mércores 15 de xullo. Dous días despois, o venres 17, estreamosAmy, un achegamento de Asif Kapadia á figura da célebre cantante Amy Winehouse a través de imaxes íntimas e cancións inéditas.

Ese mesmo venres, ademais, propoñémosvos un percorrido completo pola obra deFernando Fernán-Gómez coa presentación do libro dedicado ao cineasta que o profesor e historiador do cinema José Luis Castro de Paz publicara na Editorial Cátedra no ano 2010. Castro de Paz estará connosco ás 18:00, pero xusto antes, ás16:00, teredes unha boa ocasión de gozar de El mundo sigue, un dos filmes centrais de Fernán-Gómez sobre o que pivotará boa parte da exposición do profesor.

Cómpre sinalar, por último, que este martes 14 de xullo temos os últimos pases deHermosa Juventud e A profesora de párvulos, e que o xoves 16 rematan tamén as proxeccións de O pequeno Quinquín.

A mirada do silencio
(Joshua Oppenheimer, 2014)

Por medio da obra cinematográfica de Joshua Oppenheimer (The Act of Killing) sobre os responsábeis do xenocidio indonesio, unha familia de supervivintes descobre como foi asasinado o seu fillo e a identidade dos homes que o mataron. O irmao máis novo decídese a crebar o medo e o silencio co que viven os que quedaron vivos, enfrontándose deste xeito aos responsábeis da morte do seu irmao. Algo inconcebíbel nun país no que os asasinos permanecen no poder.

Amy
(Asif Kapadia, 2015)

Amy Winehouse foi un deses talentos únicos que xorden en cada xeración e unha artista de jazz no sentido máis puro do termo. Escribiu e cantou desde o corazón empregando o seu talento musical para analizar os seus propios problemas. A combinación da súa crúa honestidade e do seu talento incríbel fixéronlle gañar seis premios Grammy e compór algunhas das cancións máis orixinais e adoradas do século XXI. A través de imaxes íntimas e cancións inéditas, este filme sorprendentemente moderno, áxil e vital amósanos o duro que é o mundo no que vivimos dun xeito que moi poucos filmes acadaron.

Presentación de 'Fernando Fernán-Gómez', de José Luis Castro de Paz

Co gallo da reestrea de El mundo sigue, actualmente na carteleira do Cinema NUMAX, aproveitamos para recuperar a minuciosa análise da filmografía de Fernando Fernán-Gómez que o catedrático José Luis Castro de Paz realizara para Ediciones Cátedra no ano 2010. Castro de Paz estará na nosa libraría presentando Fernando Fernán-Gómez o vindeiro venres 17 de xullo ás 18:00, xusto despois do pase diario de El mundo sigue que ese día terá lugar ás 16:00.

Programación

Martes 14 de xullo

12:00 El mundo sigue
16:00 O pequeno Quinquín
20:00 A profesora de párvulos
          [Último pase]
22:00 Hermosa juventud
          [Último pase]
 

Mércores 15 de xullo

12:00 O pequeno Quinquín
16:00 El mundo sigue
18:15 A mirada do silencio [Estrea]
20:00 El mundo sigue
22:15 A mirada do silencio
 

Xoves 15 de xullo

12:00 El mundo sigue
16:00 A mirada do silencio
17:45 El mundo sigue
20:00 O pequeno Quinquín
          [Último pase]

Venres 16 de xullo

12:00 A mirada do silencio
16:00 El mundo sigue
18:15 Amy [Estrea]
20:30 A mirada do silencio
22:15 Amy
 

Sábado 17 de xullo

12:00 El mundo sigue
16:00 Amy
18:15 A mirada do silencio
20:00 Amy
22:15 A mirada do silencio
 

Domingo 18 de xullo

12:00 Amy
16:00 Amy
18:15 El mundo sigue
20:30 A mirada do silencio
22:15 Amy

Ames - Reunión coa Conselleira de Sanidade


O alcalde de Ames, José Miñones, vén de manter unha reunión coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na que tamén estiveron presentes a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, e a concelleira de sanidade, Luísa Feijóo, co obxectivo de tratar varios temas de vital importancia para a veciñanza amesá como son a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e a  reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns.


O rexedor municipal trasladoulle á conselleira información sobre a parcela cedida para a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro, sobre a que actualmente hai un contencioso de longo percorrido, polo que o Concello vai analizar outras parcelas, entre elas a que está actualmente cedida á Consellería de Presidencia para a construción dun parque de bombeiros. 

Neste punto, o alcalde informou da súa intención de contactar con Presidencia coa finalidade de obter un certificado no que se asegure que non se vai construír o devandito parque, de xeito que lle permita ao Goberno municipal solicitar a reversión do terreo. Así, unha vez obtida esa reversión, o Concello poríase de novo en contacto coa consellería de Sanidade co obxectivo de seguir avanzando nos trámites administrativos para a construción dun novo centro de saúde.

Por outra banda, tamén se falou na reunión da posible ampliación vertical do actual centro de saúde do Milladoiro, unha opción que quedou descartada debido aos informes dun estudo realizado pola Consellería de Sanidade, que constatan “dificultades extremas” para executar esta actuación. O Concello informou tamén de que están practicamente rematadas as obras de reforma do actual centro de saúde desta localidade, que se iniciaron ao abeiro dun convenio asinado entre a Consellería e o Concello na pasada lexislatura.
Centro de saúde de Bertamiráns
Por último, o rexedor municipal tamén solicitou unha reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns, co obxectivo de buscar novas áreas no edificio. Así mesmo tamén se falou que de cara ao futuro non habería inconveniente para unha posible ampliación deste centro de saúde, debido a que o Concello dispón de terreo de titularidade municipal nos arredores do actual edificio. Neste eido, a conselleira indicou que trasladaría a proposta á xerencia da EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada) de Santiago para o seu estudo. 

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou “a axilidade coa que se realizou esta xuntanza despois de que fose el mesmo a que a solicitase por carta o pasado 15 de xuño”. Deste xeito, “dálle as gracias Rocío Mosquera pola amabilidade mostrada convocando esta xuntanza para recibilo” e tamén “móstrase satisfeito coa boa disposición da conselleira de Sanidade, para intentar construír un novo centro de saúde no Milladoiro”.

Santiago - Hoxe Al Ayre Español no Vía Stellae

O festival Via Stellae chega ao seu último tramo tras varios días ofrecendo propostas musicais variadas en espazos singulares da cidade. Na xornada de hoxe, martes 14 de xullo, poderemos escoitar a Al Ayre Español, dirixidos por Eduardo López Banzo, a partir das 20.30 h no Salón Teatro. Estrearán a súa versión integral das Trio sonatas, opus 2 de Georg Friedrich Haendel nun concerto que leva por título ‘Xenio, delicadeza, inventiva… Haendel. Integral das sonatas opus 2’. O prezo do concerto é de 6 euros (está enmarcado dentro do Abono do festival) e as entradas poden mercarse no 902 434 443, en entradas.abanca.com ou na billeteira do Teatro Principal que abre de 18.00 a 21.00 h.

En torno a 1730, John Walsh publicou en Londres a primeira colección impresa de sonatas en trío de Georg Friedrich Haendel, o seu opus 2. A maioría das obras foran escritas con toda probabilidade en torno a 1717, durante a estanza de Haendel en Canons ao servizo do duque de Chandos. A relación de Haendel coa trío sonata remóntase á súa xuventude. Segundo unha nota de Charles Jennens, amigo do compositor, unha das seis sonatas do opus 2 foi composta por Haendel á idade de 14 anos, o que demostraría o seu temperán contacto con este xénero. Durante a súa estanza en Roma, Haendel participou nas reunións musicais do cardeal Pietro Ottoboni e do príncipe Francesco Ruspoli e coñeceu persoalmente a Arcangelo Corelli, compositor que estableceu as características definitorias da sonata da chiesa. Non é estraño, polo tanto, que as seis trío sonatas do opus 2 haendeliano (editadas en 1733 pero compostas a principios da década de 1720) sigan de xeito estrito a estrutura en catro movementos das sonatas corellianas (lento-rápido-lento-rápido).

Eduardo López Banzo leva moito tempo escudriñando nas interioridades da obra de Haendel, nunha incesante busca dos elos menos coñecidos da obra do compositor saxón. Entre os últimos fitos desta aventura están a publicación dun compacto esta primavera coa integral das sonatas opus 5, que se puideron escoitar en Santiago de Compostela hai un ano, e a recente interpretación en Zaragoza, por primeira vez en España, de tres das súas magníficas antífonas de Chandos. Era obrigado acudir neste momento ás sonatas opus 2, algunhas delas contemporáneas desas antífonas. Santiago de Compostela vai ser nesta ocasión o escenario privilexiado da estrea desta nova versión que, como é costume en Eduardo López Banzo, combinará un traballo de investigación rigoroso e profundo cun despregamento de excelencia, imaxinación e fantasía na súa interpretación.

AL AYRE ESPAÑOL
Foi fundado en 1988 co propósito de recuperar e poñer en valor a música barroca española e facer fronte aos tópicos que por aquel entón a rodeaban. Dende entón o inxente labor de recuperación deste patrimonio, que levou a cabo Eduardo López Banzo, e as súas coloristas interpretacións, que xuntan rigor e excelencia, foron internacionalmente recoñecidas e o Goberno de España orefrendouno concedendo ao conxunto o Premio Nacional de Música no ano 2004. Non terse conformado con chegar á excelencia dun ensemble especializado en música antiga, senón ter feito unha filosofía musical "al ayre español" permitiu que o proxecto sexa flexible e se adaptase á perfección a diferentes formatos, tales como a orquestra barroca, recoñecida internacionalmente polas súas interpretacións de Haendel e Bach, e ultimamente como orquestra clásico-romántica que abordou, tanto en concerto comao nos escenarios de ópera, obras de Boccherini, Haydn e Mozart.  Al Ayre Español actuou nos escenarios máis prestixiosos do mundo: Concertgebouw de Amsterdam, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Tonhalle de Dusseldorf, Konzerthaus e Filharmónica de Berlín, Théâtre des Champs Elysées e Cité de la Musique de París, Teatro Real e Auditorio Nacional de Madrid, Palau de la Música Catalana e Gran Teatro do Liceu de Barcelona, Palau de la Música de Valencia, Laeizhalle de Hamburgo, Library of Congress de Washington, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Arsenal de Metz, International Performing Arts Center de Moscú, Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa, Palacio Euskalduna de Bilbao, Teatro Olímpico de Roma etc. En 2012, e como recoñecemento a esta traxectoria, Sony Music reeditou as súas oito primeiras gravacións nunha exclusiva colección: Al Ayre Español Edition. Foi invitado tamén aos máis importantes festivais: Festival de Pascua de Baden Baden, Festival Bach de Lepizig, Festival de Música Antiga de Utrecht, Internationale Festtage Alter Musik de Stuttgart, Schleswig-Holstein Musik Festival, Dresdner Musikfestpiele, Toulouse les Orgues, Festival de Música Religiosa de Cuenca, Festival de Música Antigua de Aranjuez, Festival de Ambronay, Festival Haendel de Halle, Festival International d' opéra baroque de Beaune, Festival de Saintes, Festival Internacional Cervantino (México), Festival Monteverdi de Cremona, Authentica de Israel, Festival Via Stellae de Santiago de Compostela, Festival Antiquarium de Moscú etc. Al Ayre Español conta co Patrocinio de Ibercaja, Industrias Químicas del Ebro, Axial vinos, Goberno de Aragón e a colaboración de Heraldo de Aragón. Mantén un acordo de residencia co Auditorio de Zaragoza.

Eduardo López Banzo  director
Nacido en Zaragoza en 1961, é un dos directores europeos que con máis convicción fixo do historicismo a súa propia filosofía musical co propósito de aproximar aos músicos que dirixe ás fontes e ó espírito de cada composición, e que fai que a música, séculos despois, apareza outra vez como fresca e novidosa para o oínte contemporáneo. Clavecinista e organista de formación, estudou en Zaragoza con José Luis González Uriol e en Amsterdam con Gustav Leonhardt (clave) e Jacques van Oortmersen (órgano). En 2004 logrou que o conxunto que fundara en 1988, Al Ayre Español, conseguise o Premio Nacional de Música, concedido polo Ministerio de Cultura do Goberno de España por máis de vinte anos de rigor musicolóxico e de excelencia na interpretación que deu lugar a que Al Ayre Español se converta nun referente de interpretación historicista en toda Europa. En 2002 recibiu a medalla de honra do Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares polo seu labor a favor da música de Antonio de Literes. Foi invitado a dirixir as orquestras sinfónicas de Gran Canaria, Tenerife, Principado de Asturias, Granada, Galicia, Madrid, Castilla e León e da Comunitat Valenciana e a conxuntos de instrumentos orixinais como as orquestras norteamericanas New York Collegium e Philarmonia Baroque Orchestra de San Francisco, actuando en salas tan prestixiosas como o Jordan Hall de Boston e Herbst Theatre de San Francisco, á orquestra belga B'Rock e á polaca Arte dei Suonatori. Dirixiu no Musikverein e Konzerthaus de Viena, Concertgebouw de Amsterdam, Philharmonie e Konzerthaus de Berlín, Opéra Comique, Théâtre des Champs Élysées e Cité de la Musique de París, Leiszhalle de Hamburgo, Teatro Real de Madrid, Palau de la Música de Barcelona, Palau de les Arts de Valencia, Palacio Euskalduna de Bilbao, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa, Teatro Olímpico de Roma, Festival de Granada, Festival de Pascua de Baden-Baden, Festival de Bach de Leipzig e nos festivais de Utrecht e Bruxelas entre outros. No terreo da ópera é un dos principais especialistas actuais na produción dramática de Haendel e participou en producións escénicas para a Asociación de Amigos da Ópera de Bilbao con Al Ayre Español, no Palau de les Arts de Valencia coa Orquestra de la Comunitat Valenciana e na Ópera de Kiel coa Philarmonisches Orchester Kiel. Como pedagogo, é requirido para impartir clases maxistrais e cursos de especialización para as universidades de Alcalá de Henares (Opera Studio), Zaragoza, León e Salamanca, así como para a Escola Superior de Canto de Madrid e o Centro Nacional de Difusión Musical. Eduardo López Banzo é Fillo Predilecto de Zaragoza dende outubro de 2010.

AL AYRE ESPAÑOL
ALEXIS AGUADO  violín
KEPA ARTECHE  violín
JAMES BUSH  violoncello
XISCÓ AGUILÓ  violone
JUAN CARLOS DE MULDER  arquilaúde

EDUARDO LÓPEZ BANZO  clave e dirección

Casa das Crechas - Sabela King no Festival Vía Sacra

Hoxe continúa a programación do Vía Sacra Fest nas terrazas dos locais da Casa das Crechas, o Cervantes e o Albaroque. E esta vez tócalle a Sabela King and the Heartbreakers, que traen o seu blues desde Boiro para o disfrute dos composteláns.

Trátase dun trío formado Sabela King, Ramón Figueira e Benjamín Vázquez, todos membros de The Lákazans. Estilísticamente móvense entre o blues, o country e o soul, adaptando versión dos clásicos destes xéneros a un formato reducido. Parte do repertorio está formado por temas propios.

Museo do Pobo Galego - “Débedas e Préstamos”, de Gonzalo Sarasquete

O Museo do Pobo Galego presenta desde mañá a exposición “Débedas e Préstamos”, de Gonzalo Sarasquete. Co patrocínio do Concello de Ribeira

Débedas e Préstamos é o título da exposición, con ao redor de corenta pezas, que o escultor Gonzalo Sarasquete (Santa Uxía de Ribeira,1961) presenta nas salas do Museo do Pobo Galego. O escultor, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, inicia o seu camiño profesional na década dos oitenta baixo a influencia do grupo Atlántica, movemento co que comparte a idea historicista de resaltar o compromiso da arte coas raíces.

Neste caso, a interrelación da súa obra formúlase, en clave contemporánea, coa estética do barroco de placas compostelán que implanta Simón Rodríguez en fachadas como a do convento de Santa Clara. Nun dinámico xogo de volumes e luces, os cilindros, molduras e volutas do granito galego convértense en significados actuais materializados pola potencia expresiva do material que o autor utiliza nestas creacións: a lousa.

Un documental de Miguel Harguindey reforza a interferencia plástica que activa a relación destas formas contemporáneas coas trazas barrocas, un pretexto expositivo que Gonzalo Sarasquete esgrime como táctica para reinterpretar a escultura destes inícios do século XXI.

A inauguración, hoxe martes 14 ás 19:00h, contará coa asistencia do Sr. Alcalde de Ribeira, d. Manuel Ruíz Rivas. Estará aberta ata finais do mes de agosto.

Touro - Remata o arranxo da estrada da Xesteira

Ya está listo el arreglo de la carretera de Touro que conecta el límite del Concello, muy próximo a la localidad de Arca-O Pedrouzo (O Pino) con Xesteira, en la parroquia de Bama. Esta vía es muy transitada y es uno de los accesos principales al Concello de Touro desde la carretera N-547.

Esta actuación estuvo enmarcada en el Plan Marco de Mellora de Camiños do Medio Rural correspondiente al período 2014-2015, que está confinanciado por la Consellería de Medio Rural y la Deputación da Coruña. El Concello dispuso de una inversión de 108.000 euros para realizar estos trabajos que finalizaron a finales del pasado mes de junio. La pista que une el límite del Concello de Touro, a poca distancia de Arca (O Pino), y la localidad de Xesteira en la parroquia de Bama tiene una longitud de 2,35 kilómetros. Las obras consistieron en una mejora de la capa de rodadura, con arreglo de baches, tratamiento asfáltico superficial y limpieza y perfilado de cunetas. La infraestructura también cuenta con una nueva señalización.

Santiago - Obras no Auditorio de Galicia

O Consorcio de Santiago vai intervir no Auditorio de Galicia co fin de eliminar as humidades nas cubertas dos corpos que conforman a sala de exposicións, a cociña e a cafetería do inmoble. Os traballos, destinados a garantir a estanquidade do edificio, levaraos a cabo a empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L., cun orzamento global de 66.550 euros. 

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, sinala que “a entrada da auga da choiva a través das fachadas de pedra e das cubertas do Auditorio de Galicia é un problema xeral do edificio”. Estas obras centraranse en particular en atallar a entrada de pluviais nas zonas da cociña, na barra da cafetería e na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo; posto que “a situación é tan aguda que impide o normal funcionamento das instalacións” -indica a arquitecta-. 

A sala de exposicións 
Na sala de exposicións cómpre solucionar as causas das humidades do teito e as pingueiras. A capa vexetal que recobre esta cuberta non se encontra en bo estado de conservación. Ademais, o babeiro metálico de protección está descolgado e as xuntas do recubrimento están moi abertas e, nalgún caso, descolgadas as lousas, sendo o conxunto a causa das filtracións de auga da choiva.

A cociña e a cafetería
Na cociña os problemas de humidades localízanse no falso teito, en especial na zona do muro e na ventá, de xeito que se despegan parte dos azulexos das paredes. Así, no interior da cociña retirarase o falso teito afectado, así como os condutos de climatización, a iluminación ambiente e de emerxencia e os detectores de incendio. No momento da colocación do novo falso teito aproveitarase para engadir illamento térmico.

No caso da cafetería, as filtracións de auga prodúcense tamén no teito. O falso teito nesta zona de intervención está formado por unhas lamas horizontais que se limparán e repararán, ao tempo que se engadirá tamén un illamento térmico.

Axenda e tempo do luns 13 de xullo - Música, conferencias , exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Vía Stellae 

Santiago - Xeografía e Historia - presentación sobre o Camiño de Santiago

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Estalote

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ordes - Desde mañá abre o prazo para as escolas dedportivas da S.D. Ordes

A partir do vindeiro mañá a S.D. Club Órdenes abrirá o prazo para aqueles nenos e nenas que queiran participar nas súas escolas deportivas. Para formalizar a súa inscrición será necesario facer entrega do correspondente formulario, o cal se pode obter acudindo ás oficinas situadas no campo de Vista Alegre os martes e xoves de 18.30 a 20.30 horas, ou ben descargándoo a través da páxina web da entidade (http://www.sdordenes.es/inscripcion-categorias-inferiores-2015-2016/ ). Un trámite que se poderá facer ata o 14 e 20 de agosto para os integrantes dos grupos de fútbol 11 e fútbol 8 respectivamente. 

Dende o club prégase que o dito trámite se realice o antes posible co fin de poder organizar os equipos do mellor xeito e coa maior celeridade posible.

Oroso - Obras de urbanización do vial de acceso a escola infantil da Chousa Nova

O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de urbanización do vial de acceso á escola infantil da Chousa Nova dende a estrada provincial CP-3801. Unhas obras orzamentadas en 106.042,85 euros, dos que o Concello de Oroso achegará case 13.000 euros, e que están incluídas no POS 2015. “Deste xeito, a nova gardería terá uns amplos accesos dende a Avenida da Grabanxa, cunha beirarrúa e unha ampla zona de aparcadoiro”, explica o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, quen agarda que as obras “poidan estar rematadas nunhas semanas, probablemente a finais de xullo ou principios de agosto”.

As obras están sendo executadas pola empresa SYR-AMG obras y servicios, que tamén acometerá as conexións da escola infantil Chousa Nova cos servizos de auga, gas e electricidade. En todo caso, as obras estarán listas para o inicio do curso 2015-2016, o primeiro da escola infantil Chousa Nova, no mes de setembro.

A nova escola infantil ten tres unidades, cun total de 41 prazas de 0 a 3 anos e complementa á gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas. En total, esta gardería supuxo un investimento próximo aos 450.000 euros, dos que 164.000 foron achegados polo Concello de Oroso e os restantes 286.000 euros foron financiados pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación, de acordo ao establecido no Plan Educa3 asinado en 2011.

Mancomunidade de Ordes - Contiños edición verán

O CIM da Mancomunidade de Ordes pon en marcha un verán máis o seu programa ‘Contiños edición verán’ para impartilo nas actividades de conciliación dos sete municipios da comarca. A primeira parada neste itinerario foi en Trazo no día de onte. 

O principal obxectivo desta iniciativa pasa por impartir valores igualitarios entre rapazas e rapaces con idades entre os 6 e os 10 anos mediante a lectura de contos e relatos. Ademais tamén se levan a cabo reflexións posteriores nas que se inciden en aspectos tan importantes como a igualdade entre homes e mulleres, a non utilización de linguaxe sexista, a adquisición de hábitos de lectura, así como o fomento das capacidades creativas e emocionais entre os máis novos e novas.

Como mínimo traballarase con grupos formados por quince menores. Ademais do traballo en base ao conto escollido, no que os máis maiores deberán intercambiar identidades de xénero entre os protagonistas e principais personaxes da historia, tamén haberá actividades lúdicas e creativas e de ocio para pechar o encontro.

USC - presentación de ‘Camiño de Santiago: peregrinación polo camiño dos valores’ de MarekKamiński

O Paraninfo da Universidade,na Facultade de Xeografía e Historia, acollerá hoxe a presentación do proxecto ‘Camiño de Santiago: peregrinación polo camiño dos valores’ de MarekKamiński, expedicionario, viaxeiro e explorador polaco que rematará a súa peregrinación a Santiago despois de percorrer o camiño durante tres meses de viaxes e atravesar Polonia, Alemaña, Bélxica, Francia e finalmente España. 

Na presentación na Facultade compostelá, a partir das 16.00 horas, intervirán ademais do peregrino polaco a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o embaixador de Polonia en España, TomásArabski; a directora xeral de Turismo, Nava Castro Domínguez; e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios Diz. 

O proxecto ten como obxectivo o apoio á Fundación de MarekKamiński para axudar a nenos e adolescentes enfermos a superar as barreiras propias da súa situación e alcanzar os seus soños ademais de recadar fondos para os Campamentos Europeos de Conquistadores Polares.

Santiago - Festas do Apostol

Segundo Branca Novoneyra, serán unha festas diversas en canto a estilos. "Poderemos escoitar dende o reagge de Gentelman and the Evolution e o rockabilly de Imelda May ata a revisión da canción tradicional mexicana de Lila Downs, sen esquecer o hip hop, o soul, o funk, o jazz, o gospel, a música electrónica, o tango, o rock e o folk; sen esquecer espazos de produción propia como a Banda e a Real Filharmonía, ou espazos tradicionais das festas coma o Día do Traxe e a Xornada do Folclore Galego", indicou.

Tamén se referiu á forte presenza no programa das artes escénicas, con teatro, circo, danza ou monicreques, intentando que "a arte volva á rúa" grazas a unhas festas "participadas, creativas e inclusivas, orientadas a un público amplo de idades".

Serán tamén unhas festas "de todos e para todos", cunha programación "expandida no territorio". Proba disto é que as actividades chegan a case 20 puntos do municipio, entre eles os barrios de Fontiñas, Sar, Vite, Conxo, Santa Marta, Nemenzo, Figueiras ou A Gracia, entre outros. Ademais, dixo, "quixermos recuperar espazos emblemáticos das festas como a praza do Toural, achegarnos ás prazas da cidade e volver polas rúas e recunchos escondidos que coñecemos os veciños da cidade e que queremos compartir cos miles de visitantes que recibimos nestas datas".

Artellando 
A concelleira referiuse tamén á aposta por "recuperar o pulso e vitalidade da cidade" a través dunhas festas nas que todas as actividades serán abertas e de balde. Ademais, engadiu, "quixemos abrir as prazas -tamén a da Quintana, tantas veces pechada nestes anos- e unha forte presenza de artistas que viven na cidade e constrúen a nosa cultura e unilos nun proxecto orixinal: Artellando".

Artellando é un proxecto que implica a máis de 130 artistas "traballando en rede, construíndo sobre o territorio un tecido cultural orientado a todos os públicos, con actuacións musicais e escénicas coas que queremos provocar experiencias novas", dixo. Esta proposta vivirase entre os días 18 e 23 de xullo, vencellada tamén á programación dos centros socioculturais.

Ordes - Xuntanza informativa sobre as festas patronáis do concello

O alcalde de Ordes, o popular José Luís Martínez Sanjurjo, convoca a todas e a todos os empresarios, autónomos e veciños a unha xuntanza informativa sobre as festas patronais, as cales terán lugar no mes de agosto. O encontro desenvolverase o vindeiro martes 14 de xullo ás 21.30 horas no auditorio da casa da cultura.

Oroso - Convenio de colaboración cos municipios portugueses de Figueira da Foz e Góis

O Concello de Oroso vén de asinar un protocolo de colaboración cos municipios portugueses de Figueira da Foz e Góis, así como coa Asociación da Amizade e das Artes Galego Portuguesa (AAAGP) para promover a cultura de todas as partes asinantes a través da realización de eventos de diversa índole que permitan afondar no coñecemento das culturas a ambos lados do río Miño. Un convenio que foi asinado na tarde-noite de onte venres en Figueira da Foz (Portugal) polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o presidente da cámara municipal (equivalente a alcalde) de Figueira da Foz, Joao Albino Rainho Ataíde das Neves; a presidenta da cámara municipal de Góis, María de Lourdes Oliveira Castanheira; e a presidenta da AAAGP, María da Conceiçao Alberto Marques Ruivo.

O alcalde orosán agarda que este acordo de colaboración “sexa só o principio de moitos máis que traian maior benestar aos nosos veciños e veciñas de ambos lados do río Miño”. Neste sentido, Mirás indicou que “hoxe teño unha sensación moi semellante á que tiven no 2003, cando comezamos os primeiros contactos coa cámara municipal de Góis. Moitos pensaron que era un acto cara a galería, pero da nosa relación con Góis tiramos un certame de prestixio internacional coma GoisOrosoArte, potenciamos o intercambio cultural entre as nosas entidades culturais e sacamos moitas experiencias e coñecemento moi útiles a nivel de xestión da administración, de servizos sociais, de protección civil, de extinción de lumes... que permiten que sexamos quen de prestarlles un mellor servizo aos nosos veciños e veciñas en Oroso”. 

Mirás lembrou que “sempre fun defensor da colaboración entre municipios como a mellor forma de garantir o desenvolvemento e o benestar dos nosos veciños e veciñas. Hai quen defende que hai que obrigar aos municipios a fusionarse, poñendo como escusa á crise económica. Eu son dos que respecta profundamente a identidade e a cultura propia dos pobos. Pero tamén digo que son un dos maiores defensores da colaboración entre municipios. A todos os niveis, non só a nivel cultural”.

Contido do protocolo
O protocolo de colaboración asinado en Figueira da Foz ten como obxecto afondar nas relacións institucionais entre os asinantes e aproximar as culturas de ambas rexións a través da realización de eventos de diversa índole que poderán ser suxeridos tanto pola Asociación da Amizade e das Artes Galego Portuguesa, como polos tres municipios participantes. Un convenio que terá unha duración dun ano, prorrogable automaticamente por iguais períodos mentres así o desexen os asinantes.

Así, a proposta de actuación para o ano 2016 inclúe cinco proxectos, dous relacionados coa literatura, outros dous coa escultura e a creación dun premio anual de arte intermunicipal. A proposta inclúe a edición, en febreiro de 2016, dun libro de poesía con ilustracións que serán achegados por autores de Oroso, Góis e Figueira da Foz. Ademais, inclúe a publicación dunha revista anual, “Abraçados pela arte”, para divulgar as actividades culturais que realizan os tres municipios.

Así mesmo, está previsto crear un Premio Anual de Arte, de carácter trienal, para homenaxear a unha personalidade das artes que destaque en cada un dos municipios. Trátase dunha iniciativa semellante á que xa se está a executar na Figueira da Foz, co “Premio Bienal de Arte Mário Silva”, pero que se complementará cunha exposición de arte que percorrerá os tres municipios.

Por último, e de cara a destacar a ligazón entre os tres municipios, o protocolo contempla a execución dunha escultura común realizada pola AAAGP que terá como temática a troita e a sardiña, elementos que vencellan aos tres concellos. Así mesmo, executarase un panel cerámico para colocar nun espazo público de cada un dos municipios que pretende converterse no elo de identidade intermunicipal.

Axenda e tempo do domingo 12 de xullo - Música, festas, exposicións

Santiago - Numax 

Ames - Festa do chourizo o viño e da orella cocida

Ordes - Festa en Beán

Brión - II Festival Monacadas

Santiago - Festas en O Eixo

Santiago - Festas en Enfesta

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ames - Audios do pleno de organización

Poñemos a continuacón un resumo dos audios do pleno de organización no concello de Ames. Están divididos por turnos de intervención e partidos políticos e ainda que non son as intervencións completas si recollen o esencia.

Primer turno de Javier López de Cidadáns. Expresa a renuncia a o administrativo a as asignacións e reclama unha única dedicación exclusiva que sería para o alcalde. Lembralle a Contigo Pódese o seu cambio de opinión sobre as asigancións a grupos




Ramón García de pacto x Ames indica que non lle convence a proposta do goberno pero entende que pode ser boa ou mala en función do traballo que se faga. Lembralle a Contigo Pódese o seu cambio de opinión sobre as asigancións a grupos



Pilar Candocia pide que se aclare o problema da firma delegada que non se recolle no decreto de alcaldía e critica o reparto do goberno en cuanto a soldos e tarefas.



Santiago Amor recriminalle tamén a Contigo Pódese o cambio de criterio e expresa a sua negativa a apoiar a proposta do goberno




José Miñones defende a proposta do goberno e expresa que algunhas das contrapropostas estaban fora de lugar e por iso xa non se chegaron a debate
 
Javier lópez indica no segundo turno algúns exemplos de concellos nos que a súa formación propuso tamén menos dedicacións



David Santomil do BNG intervén para replicar a algunhas das intervencións e fai unha lembranza do edil Alfonso Rey, falecido hai uns meses, e que ocupara tamén a concellaría de cultura e educación



Segundo turno para Ramón García de Pacto x Ames que insiste na necesidade de chegar a un acordo e que se deixe de falar de dedicacións e se comenze a traballar



Genma Otero de Contigo Pódese replica as acusacións da oposición de infrinxir o seu propio código ético e explica a diferencia entre Contigo Pódese e Podemos



Xaime Subiela de Ames Novo propón deixar enriba da mesa o debate e poñer como límite para unha nova negociación que non se supere o custo de hai 4 anos, fai unha proposta expresa a Pacto x Ames para que o apoie



Santiago Amor do Partido Popular explica de novo que non está dacordo coa proposta de goberno a a Genma Otero, de Contigo Pódese, dille que o seu discurso lémbralle o de unha película dos Hermanos Marx onde un contrato vaise rompendo pouco a pouco




Ramón García por alusións indica que lle resulta curioso que Pacto x Ames pase de ser o despreciado a ser clave na votación



José Miñones pecha o turno de intervencións con algunhas precisións



Votacións

Axenda e tempo do sábado 11 de xullo - Música, monicreques, exposicións

Santiago - Numax 

Frades - Día do Neno 

Santiago - Atardecer no Gaias - Flamingods

Brión - II Festival Folclórico 

Brión - II Festival Monacadas

Santiago - Vía Stellae

Outros Concertos + info

Exposicións

Santiago - Museo do Pobo Galego - Dionisio Tasende, De homes... e mulleres (ata o 5 de xullo)

Santiago - Fundación Granell - 20 formas de cambiar el mundo (ata decembro)

Santiago - Fonseca Elipsis de Rafael Navarro (ata o 29 de agosto)

Santiago - Cidade da Cultura - Camiño, A orixe (ata o 11 de septembro)


O Tempo

Ames - Pleno de Organización

Esta venres pola tarde desenvolveuse o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames. Nesta sesión plenaria aprobáronse as dedicacións e as asignacións económicas que terán o alcalde e os concelleiros do grupo de goberno. Deste xeito, terán cinco dedicacións e media, repartidas entre sete membros do goberno municipal (4 persoas terán unha dedicación exclusiva e outras tres persoas disporán dunha dedicación parcial). Ademais, o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo) e todos os grupos da oposición disporán dun local e dun auxiliar administrativo, excepto Ciudadanos que renuncio a estes medios. As Xuntas de Goberno Local celebraranse todas as semanas e os plenos ordinarios serán o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas.

O grupo de goberno amesá terá cinco dedicacións e media repartidas entre o alcalde e seis concelleiros e concelleiras. Neste punto, os nove edís do grupo de goberno votaron a favor, os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra, e os tres edís de Pacto por Ames abstivéronse. Debido ao empate na votación decidiu o voto de calidade do alcalde, que votou a favor da proposta presentada. Previamente, houbo que votar unha emenda presentada por Ames Novo, para que este punto quedase encima da mesa e volvera a tratarse no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, esta emenda foi rexeitada.

As dedicacións exclusivas serán asumidas polo alcalde, José Miñones, polo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Por outra banda, as dedicacións parciais serán para a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, para a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e para a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García. As concelleiras de Mocidade e Transparencia, Silvia Dapena, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, non contan con dedicación algunha.

Segundo se recolle na proposta presentada polo goberno municipal as contías económicas dedicadas tanto ao goberno, que está composto por tres formación políticas, coma a oposición supoñen un incremento respecto ao 2011, principalmente debido á situación actual da corporación municipal que conta con sete grupos políticos diferentes. O incremento de 71.000 euros brutos ao ano (no que se inclúen os custe da seguridade social) son debido a dúas partidas fundamentalmente. En primeiro lugar, ás dedicacións do goberno que incrementan 39.000 euros o gasto, e en segundo lugar, ao persoal de confianza asignado aos grupos da oposición que aumentan o gasto en 32.000 euros. Nestes cálculos de gasto non está contabilizada a contía que suporía o aluguer dos locais dos partidos da oposición. No informe do departamento de Intervención está reflectida unha contía aproximada, pero que de momento non é un gasto fixo, senón que se trata dunha previsión. 

Cómpre destacar que a proposta presentada e aprobada polo pleno conta cos informes favorables dos departamentos de Secretaría e Intervención. Ademais, cumpre o Plan de Axuste, respecta a estabilidade orzamentaria e non incrementa a débeda municipal, representando finalmente un 2,3% do orzamento, e quedando moi por baixo das dez dedicacións e os sete postos de confianza que permitiría a lei. 

Redución dos gastos

Por outra banda, neste mesma proposta recóllese que durante o mandato 2015-2019 vanse reducir os gastos na contía relativa a asistencia dos concelleiros ás Xuntas de Goberno Local, pasando de 110 euros a 50 euros, e reducíndose o número de concelleiros/as que cobrarán pasando de 3 a 2 edís. Neste caso o aforro será de 3.120 euro ao ano. O mesmo ocorre coas comisións informativas previas aos plenos, nas que se pasa de cobrar 110 euros a 50 euros por concelleiro/a. Ademais, redúcense o número de comisións pasando de 6 a 5, e só se cobrará unha comisión ao día, o que suporía un aforro aproximado de 12.000 euros ao ano, no suposto de convocar 3 ou 4 comisión ao mes. 

Tamén se reducen as contías que percibe cada grupo político con representación na corporación municipal, pasando de 150 a 100 euros, así como a asignación económica que lle corresponde a cada concelleiro/a, que se reduce de 100 a 75 euros. Deste xeito, acádase una aforro de 3.300 euros ao ano. 

Retribucións do grupo de goberno

Asemade, seguindo o principio de transparencia que quere instaurar o goberno municipal dentro da Administración local, fanse públicos os salarios que percibirán tanto o alcalde como os seis concelleiros/as que teñen algún tipo de dedicación. Deste xeito o alcalde de Ames, José Miñones, disporá dunha retribución bruta anual de 49.716,66 euros; a primeira tenente de alcalde, Genma Otero, o segundo tenente de alcalde, David Santomil, e o terceiro tenente de alcalde, Blas García, percibirán unha retribución bruta anual de 37.287,50 euros. Dita cantidade equivale ao 75% das retribucións brutas da alcaldía. 

Ademais, as tres edís con dedicación parcial, que son a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, disporán dunha retribución bruta anual de 27.344,16 euros. Dita cantidade equivale ao 55% das retribucións brutas da alcaldía. 

Dotación de medios en favor dos grupo políticos e persoal de confianza

Segundo se recolle na proposta aprobada no pleno de organización o goberno municipal terá dous postos de persoal de confianza (un administrativo e un auxiliar administrativo), mentres que os grupos da oposición disporán dun local co material necesario para poder realizar o seu traballo. Ademais, os grupos do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames terán un auxiliar administrativo a xornada completa. 

O punto sobre a dotación de medios en favor dos grupos políticos saíu adiante cos votos a favor dos nove edís do grupo de goberno e dos tres concelleiros/as de Pacto por Ames, mentres que os nove concelleiros do Partido Popular, Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra. 

Por outra banda, o punto sobre a contratación de persoal de confianza foi aprobado cos votos a favor dos nove concelleiros/as do goberno, mentres que os cinco concelleiros de Ames Novo e Ciudadanos votaron en contra. Os sete concelleiros do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse. Previamente á votación deste dous puntos, houbo que votar dúas emendas presentada por Ames Novo, para que estes puntos quedasen encima da mesa e se volverán a tratar no pleno ordinario do 30 de xullo. Finalmente, estas emendas foron rexeitadas. 

Ao grupo de Ciudadanos corresponderíalle un auxiliar administrativo a media xornada e un local, pero renunciou a este medios para que a contía económica que se ía investir neles sexa destinada a fins sociais. Os grupos que forman o goberno (PSdeG-PSOE, Contigo Pódese e BNG) tamén renunciaron aos seus locais a aos auxiliares administrativos.

Periodicidade dos Plenos e Xuntas de Goberno Local

En canto á periodicidade na que se celebrarán as sesións ordinarias do pleno a corporación municipal acordou que os plenos se celebren o último xoves de cada mes, ás 20:30 horas, excepto a sesión correspondente ao mes de agosto que se decidirá en consenso cos voceiros dos grupos políticos da oposición. Por outra banda, as Xunta de Goberno Local celebraranse todas as semanas, para darlle maior axilidade aos asuntos de xestión e tramitación municipal. 

Outro dos temas que se trataron no pleno de organización foi a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan cinco comisión informativas, reducíndose unha comisión respecto ao anterior mandato. Tamén se abordou o nomeamento de representantes da corporación municipal nos órganos colexiados que son competencia do Pleno.