Un equipo mixto de
investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e
Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) e de
IBM Research (NYSE: IBM) conseguiu demostrar a existencia dos arinos, unha
familia de moléculas extremadamente reactivas e de vida curta que foron
suxeridas por primeira vez hai 113 anos. A técnica desenvolvida para o seu
achado podería ter aplicacións en ámbitos como a química e a electrónica sobre
superficies, concretamente para a elaboración de nanofitas de grafeno ou
dispositivos unimoleculares.
No Universo existen
billóns de moléculas. Algunhas delas son o suficientemente estables para ser
illadas e caracterizadas, pero moitas outras teñen un tempo de vida tan curto
que só poden ser identificadas de xeito indirecto, estudando os produtos das
súas reaccións ou a través de métodos espectroscópicos. Entre este grupo de
moléculas atópanse os arinos, cuxa existencia foi proposta por primeira vez en
1902. Dende entón, a química de arinos foi clave na síntese dunha gran
variedade de compostos moi útiles, como os fármacos ou os materiais
moleculares. O reto que presentan estas moléculas radica en que existen
unicamente durante uns milisegundos, algo que ata hoxe facía extremadamente
difícil o seu estudo.
Agora, a
prestixiosa revista NatureChemistry
publica a primeira imaxe dunha molécula individual de arino, froito do esforzo
dun traballo conxunto realizado por investigadores do CiQUSda Universidade de
Santiago (expertos na química de arinos) e científicos de IBM en Zürich, que
desenvolveron unha técnica de microscopía con resolución atómica.
“Os arinos estúdanse
nas materias de química orgánica en graos universitarios por todo o mundo. Polo
tanto, é un alivio descubrir que estas moléculas existen en realidade”, afirma
o profesor Diego Peña, químico na Universidade de Santiago de Compostela.
“Devecemos por comprobar qué novos retos químicos se poden abordar mediante
esta combinación entre a síntese orgánica e a Microscopía de Forza Atómica
(AFM)”.
O proceso comezou
coa preparación das moléculas precursoras dos arinos no CiQUS; posteriormente,
os investigadores do IBM Research empregaron a punta dun Microscopio de Efecto
Túnel (STM) para xerar arinos individuais a partir das moléculas precursoras,
mediante manipulación atómica. Os experimentos realizáronse sobre unha fina
capa de cloruro sódico a temperaturas próximas ao cero absoluto, co gallo de
estabilizar os arinos. Unha vez que estas moléculas foron xeradas, os
investigadores usaron a técnica AFM para medir as interaccións entre a punta do
microscopio -que remata nunha única molécula de monóxido de carbono-, e a
mostra, logrando deste xeito visualizar a estrutura molecular dos arinos. O
resultado obtido foi unha imaxe con tal nitidez que os científicos puideron
estudar a súa natureza química e as pequenas diferenzas entre os distintos
enlaces.
“O equipo de IBM
desenvolve dende 2009 varias técnicas punteiras que fixeron posible este
logro”, di o doutorNikoPavliek, físico no IBM Research. “No caso deste estudo
foi esencial seleccionar unha superficie illante sobre a que se adsorbesen as
moléculas, así como unha punta do microscopio axeitada que permitise
visualizalas. Cremos que esta técnica terá moita relevancia no futuro da
química e da electrónica”.
O traballo é
resultado do proxecto europeo PAMS (Planar Atomic and Molecular ScaleDevices),
cuxo obxectivo consiste en desenvolver novos dispositivos electrónicos de
tamaño nanométrico. Parte desta investigación está financiada por un proxecto
AdvancedGrant do EuropeanResearchCouncil (ERC) concedido ao investigador de IBM
GerhardMeyer, quen é coautor do traballo. Estes prestixiosos proxectos
financian os mellores investigadores que traballan nas fronteiras do
coñecemento en Europa.
O STM e a súa
técnica derivada AFM son as principais ferramentas de traballo na investigación
a escala atómica e molecular. O STM, que foi inventado por GerdBinnig e
HeinrichRohrer no IBM Research - Zürich en 1981, permitiu aos científicos
visualizar por primeira vez átomos individuais sobre diferentes superficies.
Este microscopio revolucionario, polo cal os dous científicos recibiron en 1986
o Premio Nobel de Física, expandiu as fronteiras do noso coñecemento, revelando
as propiedades das superficies e das moléculas ou átomos adsorbidos sobre elas.
CiQUS
Dende 2011, o CiQUS traballa na realización de
investigación punteira e multidisciplinar na fronteira da química, a
biomedicina e os materiais moleculares. Con 35 investigadores principais, preto
de 30 investigadores posdoutorais e máis de 100 estudantes de doutoramento, as
liñas de investigación deste centro singular da USC inclúen dende estudos
básicos en química biomolecular e supramolecular, ata investigacións máis
aplicadas para desenvolver novos materiais funcionais, con potenciais
aplicacións tecnolóxicas ou biolóxicas.
IBM Research
Con 70 anos de
historia e máis de 3.000 investigadores, repartidos en doce laboratorios
situados en seis continentes, o IBM
Research continúa definindo o futuro da tecnoloxía. Os avances de IBM
Research contribuíron a que a compañía alcanzase o récord industrial de 7.534
patentes en 2014, facendo que IBM continúe a ser, despois de 22 anos
consecutivos, o número un na lista de patentes rexistradas nos EEUU.
Científicos de IBM Research foron galardoados con seis Premios Nobel, dez
Medallas de Tecnoloxía de EEUU, cinco Medallas de Ciencia de EEUU, seis Premios
Turing, 19 membros da Academia de Ciencias de EEUU e 20 membros do Hallof Fame
dos investigadores en EEUU.
Ningún comentario:
Publicar un comentario