UXO e PP EVITAN QUE SE APROBE A MOCIÓN DO BNG PARA INSTAR Á XUNTA A GARANTIR A ASISTENCIA SANITARIA AOS MÁIS DE 800 VECIÑOS DE ORDES DESEMPREGADOS DE LONGA DURACIÓN E SEN RECURSOS
- Aprobada a moción do BNG para que o Concello arranxe de forma inmediata o acceso a Buscás desde a AC-524
- O BNG acusa ao goberno de discriminar á maioría das parroquias de Ordes coa modificación urbanística dos usos dos cemiterios.
- PP, UxO e Cidega rexeitan a proposta do BNG de incluir partidas para a mellora da praza de abastos e o local xuvenil nos Orzamentos Municipais de 2012
- O BNG logra aprobar a moción para esixir á Xunta o mantemento do Plan Concertado de Servizos Sociais, co apoio de todo o Pleno agás o grupo do PP, despois de transacionala co PSOE.
- Aprobada por unanimidade a moción para a prevención e tratamento da violencia de xénero, despois dunha transación entre todos os grupos.
- O BNG insta ao alcalde a ampliar o prazo de suxerencias do PXOM.
PP e UxO negáronse a apoiar unha moción do BNG de Ordes que propoñía que o Pleno instase á Xunta de Galiza a garantir a asistencia sanitaria aos desempregados de longa duración e ás persoas sen recursos que desde a publicación da orde de 5 de setembro de 2011 pola Consellería de Sanidade “só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir , perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa”, segundo manifestou o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro.
O portavoz nacionalista criticou duramente a UxO e PP por negarse a apoiar esta moción dos nacionalistas e calificou a actitude dos dous partidos da dereita ordense de “inxustificada, inhumana e desoladora, ao defender políticas que vulneran os dereitos básicos da cidadanía e rompen os principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública”
Castro salientou que “con este recorte, máis de 800 veciños e veciñas de Ordes poderían quedarse sen asistencia sanitaria completa, veciños cos que o PP e UxO manifestan unha nula sensibilidade”
O portavoz do BNG fixo fincapé na oposición dos nacionalistas “ás políticas de recortes cos máis necesitados que está a levar a cabo o PP, á privatización e o desmantelamento da sanidade pública no noso país como demostra a redución de persoal sanitario, a redución de consultas e actividade nos quirófanos, o incremento dos concertos privados, ou o recorte de 237 millóns de euros no orzamento da sanidade pública”.
Moción sobre o arranxo do acceso a Buscás
O Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG para arranxar por parte do Concello de Ordes e de xeito inmediato, o estado da pista de acceso a Buscás desde a AC-524.
Gonzalo Castro criticou “a irresponsabilidade do goberno municipal e do goberno do PP na Xunta de galiza, que desde hai meses manteñen paralizadas as obras da Rolda Leste debido a un contencioso por intereses partidistas que só está a perxudicar aos veciños e veciñas de Ordes, fundamentalmente aos que residen na parroquia de Buscás, cuxos máis de 500 veciños se atopan co acceso á súa parroquia desde a AC-524 nun estado deplorábel, cheo de fochancas que case non permiten a circulación de vehículos”
Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG e o Concello acometerá de forma urxente o arreglo do principal acceso á parroquia de Buscás, integrando o mesmo no custo das obras da rolda leste que debe pagar a Xunta de Galiza.
Modificación da normativa urbanística sobre usos dos cemiterios
O BNG abstivose na modificación da normativa urbanística sobre usos dos cemiterios por considerala discriminatoria, ao establecer a citada modificación para os proxectos de ampliación dos cemiterios parroquiais unha ocupación máxima do 25%, salvo no caso do cemiterio de Leira e Mesón do Vento que será do 40% e do cemiterio de Ardemil, que será do 70%.
Gonzalo Castro manifestou que “desde o BNG defendemos que todos os veciños e veciñas de Ordes sexan tratados igual e teñan os mesmos dereitos, sen discriminacións, por iso non compartimos unha modificación dunha normativa urbanísitca que só beneficia a uns poucos, discriminando á maioría das parroquias do concello”.
“Todos os veciños deben ser tratados igual”, aseverou o portavoz do BNG.
Praza de Abastos e Local Xuvenil
O Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade crear comisións de traballo para consensuar e aprobar un proxecto de mellora e promoción da praza de abastos e a posta en funcionamento dun local xuvenil municipal.
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, propuxo unhas emendas que inlcuian o compromiso de que unha vez concluidos os traballos das comisións se incluirian partidas para estas actuacións nos Orzamentos de 2012, tendo en conta a capacidade económica do Concello e a posibilidade de acceso a financiación doutras administracións.
Esta proposta dos nacionalistas foi rexeitada por PP, UxO e Cidega, rexeitamento que Castro lamentou lembrando que “desde o BNG xa propuxemos estas iniciativas durante o anterior mandato, mais os feitos demostran que sen compromiso orzamentario para estas actuacións, de pouco van servir as comisións de estudo que se creen”.
Castro salientou que “os veciños están cansos de promesas e de fume e queren feitos”.
Plan concertado de Servizos Sociais
O Pleno apoiou as mocións do BNG e PSOE para instar á Xunta de Galiza ao mantemento do Plan Concertado de Servizos Sociais, logo de que ambos grupos transacionasen o contido das mesmas, co voto a favor de todos os grupos, agás o do PP.
Gonzalo Castro valorou a importancia do mantemento do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, xa que “é un instrumento fundamental de cooperación entre os Concellos, a Xunta de Galiza e a Administración do Estado, e no caso da mancomunidade de Ordes é imprescindíbel para asegurar e garantir os recursos necesarios para que siga ofrecendo á nosa comarca os servizos e prestacións sociais que demanda e precisa, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos”.
Violencia de xénero
Con motivo da conmemoración do Dia Internacional contra a Violencia de Xénero, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción relativa á prevención e tratamento da violencia de xénero, logo do consenso de todos os grupos políticos.
Montserrat Rei, concelleira do BNG e defensora da iniciativa nacionalista manifestou “a importancia deste acordo plenario que esixe á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007, de tratamento integral da violencia de xénero, que están pendentes de desenvolvemento, en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral”.
PXOM
O Portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, puxo de manifesto no Pleno as queixas de veciños que manifestan que a documentación exposta do PXOM está incompleta ao faltar un estudio detallado do medio rural e do modelo de asentamento poboacional, a descripción e evaluación do sistema de núcleos que se propón e do alcance, contido e obxectivos da planificación…e moita outra documentación necesaria para a aprobación inicial do PXOM, por esta razón os nacionalistas emplazaron ao alcalde a incorporar toda a documentación do PXOM ao trámite de exposición pública e a ampliar o prazo de presentación de suxerencias, unha vez que se incorporase esta documentación, petición á que o alcalde se comprometeu a dar cumprimento.
Rogos do BNG
Montserrat Rei, concelleira do BNG, instou ao alcalde a resolver os problemas de apagóns de alumedado público na vila e parroquias de Ordes, a arranxar o estado de conservación do parque infantil do barrio do Paraiso, a que se paguen todas as axudas concedidas para o transporte de estudantes e a que se estude a posibilidade de implantar unha tarxeta para a utilización da O.R.A. para todos aqueles veciños que por razón laborais ou de outra índole teñen dificultades para reponer o ticket.