Auditorio de Galicia – ultima semana de Cineuropa

Cineuropa reserva para a súa última semana o cine máis esperado

· Chega o cine transgresor de Shion Sono, Bruno Dumont, Bela Tarr, Bertrand Bonello ou Sokurov,  e o último de veteranos ilustres como os Dardenne, Monte Hellman ou Jerzy Skolimowsky

· "The artist", "O neno da bicicleta" e "A guerra está declarada", tres das favoritas para o Premio do Público

Santiago de Compostela, 25/11/2011.- A XXV edición de Cineuropa reserva para a súa última semana o groso dos títulos que máis expectación teñen espertado este ano. O cine máis transgresor ou extremo nas súas formas ou contidos, como é o caso do Oso de Prata en Berlín, "O cabalo de Torino", ou a fin do mundo segundo Bela Tarr; a capacidade para sorprender dos franceses Bruno Dumont ou Bertrand Bonello, que removeron Cannes con "Hors Satan" e "L'Apollonide". E o atrevemento do xaponés Shion Sono, cos maxistrais e provocadores "Cold Fish" e "Guilty of romance", ademais do recente León de Ouro en Venecia ganado polo mestre ruso Aleksandr Sokuroy e o seu controvertido "Fausto".

Esta semana de cine que lle queda ao festival é tamén, por contraste, a de algúns dos autores que mellor souberon interpretar a tenrura: Michael Hazanavicius con "The Artist", unha película cun humor excelente que  arrasa por onde va e que ten un destino final seguro nos Óscar. E Valerie Donzelli, cuxo cine daremos a coñecer na comedia inclasificable "A raíña das mazás" e co seu máis recente traballo, o mellor filme en Cannes da Semana da Crítica, "A guerra está declarada". Os irmáns Dardenne, presentes as súas películas en tantas edicións de Cineuropa, alcanzan con "O neno da bicicleta" unha das mellores decantacións das súas historias onde un xove agonista se enfronta a un mundo hostil.

Queda ademais por ver unha das películas de contido político máis lúcidas do ano, "El estudiante", triunfadora en Locarno e Bos Aires. E espérannos, nesta última semana, o poderoso rexurdir de dous veteranos, Monte Hellman e Jerzy Skolimowsky, quen coa historia de cine dentro do cine "Road to nowhere" e o asoballante thriller "Essential killing" parecen renacer como enfants terribles.

Queda aínda, en definitiva, o mellor da festa do XXV aniversario de Cineuropa.

Ningún comentario: