Conservatorios municipais de todo Galicia reúnense en Melide co fin de volver a poñer en funcionamento AGACOM
- Representantes de doce concellos de toda Galicia puxeron en común as dificultades e o esforzo municipal para seguir mantendo os conservatorios municipais.
- Un alcalde de cada provincia galega formara parte dunha comisión para trasladarlle ao Conselleiro de educación, Jesús Vázquez, a realidade actual.
Melide, 25 de novembro de 2011.- Melide é dende hai anos a sede de AGACOM, “Asociación Galega de Conservatorios Municipais” que naceu hai anos co fin de manter unha comunicación eficiente e fluída entre os distintos concellos para poñer sobre a mesa as necesidades e os logros de cada un dos membros. Todos foron coincidentes en que hai anos se avanzou neste campo e a través da asociación foise capaz de involucrar ás Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo no finanzamento dos conservatorios municipais. Todos os membros de AGACOM están a atravesar un momento delicado debido a crise da facenda local e polo tanto, vaise facer un novo esforzo co fin de que o alumnado dos conservatorios municipais pague as mesmas tasas independentemente do lugar onde sexa a súa residencia. Este foi o motivo polo que se fixou un prazo de dez días para recoller datos vía enquisa que será enviada telemáticamente para posteriormente pactar unha tasa igualitaria independentemente da cor política de cada concello ou provincia. Por parte de AGACOM, a pretensión é trasladarlle ao Conselleiro de Educación a necesidade de que os Concellos aporten un 33%, outro 33% que sexa a través das matrículas e outro 33% repartido entre Consellería e Deputacións. Na actualidade hai a maioría dos concellos aportan un 80% do finanzamento total dos conservatorios, o cal resulta inviable de cara ó futuro. Segundo a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, o Conselleiro terá coñecemento das necesidades e dos temas que foron obxecto de debate, ou ben a través da comisión que saíu desta xuntanza formada por a mesma alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, de Monforte, de Ourense-Ribadavia e de Pontevedra-Vilagarcía, aínda que a primeira é máis partidaria de que o propio Jesús Vázquez coñeza as instalacións do conservatorio e manteña unha xuntanza cos todos os membros de AGACOM na vila na cal ten a sede desde sempre esta asociación.