O CIM DA MANCOMUNIDADE DE ORDES DARÁ DÚAS CHARLAS, EN FRADES E OROSO, SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO E RECURSOS PARA COMBATILA NA COMARCA
O CIM está a adaptar a súa plataforma web ao territorio comarcal e prestará novos servizos de apoio ás vítimas
Os sete concellos da comarca ofrecen un amplo programa de actividades en conmemoración do 25-N
23 de novembro de 2011.- Para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero , o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vai realizar dúas charlas informativas sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense. Dúas charlas que terán lugar no multiusos de Frades (ás 17:00 horas) e no centro cultural de Oroso (ás 19:00 horas). A asistencia é totalmente libre e gratuita.
Estas charlas servirán para dar a coñecer as accións na loita contra a violencia de xénero que se están a levar a cabo na comarca e, en particular, informar dos servizos do CIM a todos os veciños dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. As dúas primeiras xornadas informativas están previstas para este venres 25 de novembro no multiudos de Frades (17:00 horas) e no centro cultural de Sigüeiro-Oroso (ás 19:00 horas). Unhas sesións que se celebrarán en próximas datas nos outros municipios da comarca.
Maior accesibilidade
Nestas xornadas, o persoal do CIM informará tamén das distintas accións que está a levar a cabo para facilitar o acceso das mulleres maltratadas a este servizo. Para iso está a adaptar a páxina web www.ordessenviolencia.org, inicialmente baixo titularidade do Concello de Ordes, ao ámbito comarcal. Deste xeito, esta plataforma servirá de instrumento de loita contra a violencia de xénero en todos os municipios, pois non só informa á vítima dos seus dereitos e axudas dispoñibles, senón que mesmo permite o contacto (anónimo ou personalizado) desa persoa co persoal do CIM, sen ter que desprazarse en persoa ás instalacións do Centro de Información á Muller.
Ademais, o CIM vai asinar un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para prestar un servizo de traducción na atención telefónica ás mulleres estranxeiras vítimas. Unha medida moi significativa tendo en conta o gran número de mulleres inmigrantes rexistrado na comarca de Ordes e que romperá a primeira barreira na comunicación con estas persoas: a lingüística.
Así mesmo, a Mancomunidade de Ordes aheríuse á campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, adaptándoa para que inclúa información sobre os servizos que se prestan na comarca en relación coa violencia de xénero. Unha campaña que se está a difundir nestes días nos medios de comunicación dos municipios a través de: cuñas radiofónicas (en Radio Ordes e Radio Cerceda), anuncios televisivos (TV de Cerceda) e na páxina web da Mancomunidade de Ordes.
Mesas de seguemento
Outra medida que xa se puxo en marcha esta mesma semana, a proposta dos sete alcaldes da Mancomunidade, é a creación en cada municipio da comarca dunha Mesa Técnica de Seguemento dos Casos de Violencia de Xénero, que estarán coordinadas polo CIM da Mancomunidade de Ordes. Estas mesas constituiranse dentro das Xuntas Locais de Seguridade (nos concellos que dispoñen de Policía Local) e nas Comisións Informativas de Seguridade dos respectivos municipios.
Con esta medida, a Mancomunidade de Ordes facilitará enormemente o intercambio de información entre o CIM e as distintas forzas e corpos de seguridade que actúan na comarca, o que redundará nun mellor servizo ás vítimas de violencia de xénero. Esta medida implicará a posta en marcha das Xuntas Locais de Seguridade nos concellos de Oroso e Tordoia (xa que Ordes e Cerceda xa as teñen operativas), así como daquelas Comisións Informativas de Seguridade que aínda non existan nos resto dos municipios.
As funcións destas mesas son: analizar a incidencia da violencia de xénero na localidade, detectar aqueles elementos que provocan disfuncións importantes na atención ás víctimas de violencia de xénero, avaliar a efectividade das intervencións, detectar aqueles casos que se detiveron no percorrido asistencial (así como as posibles causas) e elaborar estratexias para a continuidade da atención. Tamén se encargan de realizar propostas de actuación conxunta entre os servicios implicados para a consecución dos obxectivos, fixar documentalmente (a través dun mapa de utilización dos recursos) os criterios básicos de coordinación entre todas as institucións en aras dunha total eficacia na actuación conxunta e aprobar as propostas ou plans de actuación.
Accións por concellos
Ademais das accións conxuntas programadas dende o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes para conmemorar o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e das dúas charlas en Frades e Oroso, o resto dos municipios ten programadas outra serie de iniciativas.
MESÍA
- 25 de novembro. Teatro. Representación da obra “RR.HH. (o método)”, da asociación O Aturuxo de Melpémone. Casa da Cultura, ás 21:30 horas.
ORDES
- Durante as últimas semanas, Radio Ordes está emitindo unha cuña radiofónica contra a violencia de xénero, elaborada pola Secretaría Xeral de Igualdade, e que a maiores inclúe os datos de contacto do CIM da Mancomunidade de Ordes.
- Gravación dun videoclip sobre a igualdade de oportunidades e a violencia de xénero, a cargo de mozos e mozas ordenses de entre 12 e 18 anos. Unha iniciativa organizada no marco do programa “Enrolarte en igualdade”, que ten como finalidade concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias. Unha iniciativa que forma parte do programa “Educar en igualdade”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e polo Fondo Social Europeo. “Enrolarte en igualdade” incluíu actividades como un obradoiro de hip hop (celebrado o 22 e o 29 de outubro), un obradoiro de cómic (21 e 28 de outubro), vídeo relato (4 e 5 de novembro), un obradoiro de cociña creativa (12 e 18 de novembro) e unha gymkana de supervivencia no fogar (19 de novembro). Todas as actividades tiveron lugar na Casa da Culutra de Ordes e foron totalmente de balde.
TORDOIA
- O 25 de novembro terá lugar a clausura do programa “Igualdade, un traballo en equipo”, levado a cabo polo Concello de Tordoia no CPI Pecalama e subvencionado pola Deputación da Coruña. Entre o 21 e o 25 de novembro o Concello de Tordoia celebrou a I Semana da Corresponsabilidade, no marco da celebración de actividades previstas no Plan de Igualdade de Mulleres e Homes do Concello de Tordoia posto en marcha o ano pasado. Durante eses días, maiores e pequenos participaron nunha Gymkana do fogar, un cineforum e un obradoiro de cociña, concebidos para traballar na superación dos roles que tradicionalmente se lle outorgan ás mulleres. O obxectivo desta semana é continuar co traballo que durante todo o mes de novembro están levando adiante o Concello de Tordoia en colaboración co CPI Pecalama dentro do I Mes de Corresponsabilidade, dirixido a sensibilizar tanto a pais e nais como ao profesorado sobre a igualdade de sexos e corrixir estereotipos sexistas e traballar o incremento da corresponsabilidade no traballo doméstico e coidado dos nenos. Despois de actividades como o obradoiro “Cambiemos os Contos”, “O amo da casa” ou “Vaia canción”, esta semana máis de 180 rapaces de EI, ESO e EP do Pecalama participarán nas actividades previstas., que culminará cun obradoiro de cociña común que correrá a cargo da Escola Superior de Hostalería de Galicia, que dirixirá aos rapaces para elaborar todos xuntos unha receta de cociña.
TRAZO
- O Concello de Trazo elaborou unha tarxeta conmemorativa do Día Internacional contra a Vilencia de Xénero.
- Xornadas sobre “Saúde integral da Muller”, dirixidas a mulleres de entre 18 e 60 anos empadroadas en Trazo. As xornadas abordarán todos aqueles temas de interese para as mulleres: anatomía, afeccións comúns, patróns de pensamento, accións e emocións, roles sociais, formas de relacionarse... Terán lugar os días 13 e 16 de decembro, en horario de 20:00 a 22:00 horas. Para anotarse só é preciso presentar fotocopia do DNI, antes do 30 de novembro, no departamento de Servizos Sociais do Concello de Trazo.
CERCEDA
- Xoves 24 de novembro. Presentación do II Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal 2011-2013, cuxo obxectivo é acadar unha sociedade totalmente igualitaria en todos os ámbitos da vida: o familiar, o laboral, o sociual e o persoal. Este plan nace da estreita colaboración e o traballo en común de todos os ámbitos (político, técnico, sanitario, de seguridade, movemento asociativo, axentes educativos,…) que foron convidados a participar na súa elaboracióin e aprobación, así como en comprometerse a pór en marcha as accións que nel se acordaron. Despois de realizar unha enquisa municipal e de varios grupos de traballo complementados por unha análise exhaustiva dos principais datos oficiais existentes sobre o concello, definironse as prioridades, as necesidades e os obxectivos que se pretenden acadar coa posta en marcha deste Plan, tendente a impulsar e desenvolver unha política transversal que se orienta ás prácticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todas as accións municipais de maneira que repercuta no benestar e na calidade de voida da cidadanía de Cerceda. As áreas de actuación do II PIOM son 7:
1.- Información e orientación: co obxectivo de favorecer a igualdade entre mulleres e homes, a través do fomento da sensibilización e da información ofrecida á poboación do Concello de Cerceda.
2.- Formación e emprego: coa finalidade de fomentar o emprego e a mellora da formación, co fin de eliminar as desigualdades de xénero existentes.
3.- Conciliación laboral, familiar e persoal: perseguirá facilitar a satisfactoria conciliación dos tempos laborais, familiares e tamén persoais da poboación de Cerceda
4.- Reparto Igualitario de tarefas e responsabilidades domésticas: fomentar a corresponsabilidade entre a poboación do Concello de Cerceda
5.- Educación en Igualdade: Coeducación: Promover a coeducación e a formación baseada na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes
6.- Benestar Social e Asociacionismo: fomentar a participación da poboación na esfera pública do Concello e mellorar o seu nivel de benestar social
7.-Prevención e eliminación da violencia de xénero: fomentar a prevención e a eliminación da violencia de xénero no Concello de Cerceda
- Venres 25 de novembro. Ás 20:30 horas, auditorio municipal de Cerceda. Representación da obra “Nunca nada de ninguén”, de Luisa Costa e representada polo Grupo Municipal de Teatro de Ames. A obra permite un achegamento do espectador a aquelas mulleres que cada nada agardan ou que o teñen todo por descubrir, as que calaron e as que deciden ter voz.
- 25 de novembro. Os nenos e nenas dos distintos centros educativos de Cerceda elaboraron un manifesto contra a violencia de xénero. O manifesto será leído polos cativos nos seus respectivos centros entre as 11 e as 12:00 horas.
- Durante as últimas semanas, Radio Cerceda está emitindo unha cuña radiofónica, de elaboración propia, contra a violencia de xénero.