Comite de empresa do concello de Ames – nota despedimentos

Os despedimentos propostos polo goberno de Ames implican tamén a desaparición da web municipal e o peche dunha das sedes da biblioteca

Os recortes en Ames poñen en serio perigo a continuidade da páxina web do Concello, dado que un dos xornalistas despedidos é o único traballador adscrito a este medio de comunicación municipal. Ademais, o desmantelamento do servizo de animación á lectura e o despedimento das súas dúas traballadoras que facían tamén funcións de atención ao público na actividade diaria das bibliotecas e o despedimento, a maiores, do axudante técnico da biblioteca, traerá serias consecuencias nas prestacións que ofrece a biblioteca pública, posto que deixa o cadro de persoal en tan só dous traballadores para cubrir o horario completo das dúas sedes de Bertamiráns e do Milladoiro o que implica o peche dunha das sedes ou unha drástica reducción de horario de apertura. Por outra banda coa eliminación da Brigada de Medio Ambiente mermará considerablemente a atención ao medio, toda vez que os traballadores que cubren estes servizos encárganse da eliminación dos vertedoiros incontrolados, a limpeza das beiras dos ríos e a recollida de animais abandoados, ademais de manter a súa disponibilidade 24 horas ininterrompidas na época de incendios. A desaparición do Servizo de Normalización lingüística implica o cese das actividades de impulso da nosa lingua que se veñen desenvolvendo desde 2004 en colaboración co tecido social, empresarial e educativo do concello, ademais dos programas de promoción da cultura galega que se realizaban desde este servizo. Ao mesmo tempo, o peche da Radio Municipal corta os programas de colaboración que desde o inicio e ata a actualidade mantén a emisora coas asociacións veciñais, a comunidade educativa, e os sectores sociais, culturais e empresariais do Concello.

Ames experimentou un incremento vertixinoso de poboación nos últimos dez anos e pasou de 16.549 habitantes do ano 2000 aos preto de 30.000 que ten na actualidade. Este aumento de poboación requiriu un incremento de servizos prestados á cidadanía. Servizos que agora pretende eliminar o actual goberno municipal.

http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=6746&idioma=gl&sec=32

Páxina web

Cos recortes que propón o goberno municipal teríase que pechar tamén a web municipal, un servizo que leva funcionando dende o ano 2005 e que serve como canle de comunicación entre a Administración local e a cidadanía amesán. www.concellodeames.org ofrece a posibilidade de acceder a documentos administrativos e a unha completa lista de contidos entre os que se contan noticias, avisos de servizo público, convocatorias de axudas, información sobre concursos públicos, previsións informativas e mesmo unha cumprida axenda municipal. Co despedimento do xornalista que xestiona e actualiza diariamente a páxina, e que se inclúe no lote de despedidos da Radio Municipal aínda que está adscrito especificamente á xestión da páxina web, este portal web deixaría de prestar un servizo público ao que todos os cidadáns teñen dereito e coartaríase a liberdade de expresión.

Brigada de Medio Ambiente

Outro dos servizos que pretende suprimir o goberno municipal de Ames é a brigada de garda ambiental que ata o de agora estivo composta por dous peóns ambientais, que serían despedidos, e unha coordinadora, que pasaría ao departamento de obras. Esta brigada ten como obxectivo principal traballar en prol do contorno natural facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións cómpre destacar o control de vertidos, a recollida de animais abandonados, o mantementos das rutas naturais, a colaboración na prevención de incendios, labores de vixilancia, atención de escritos veciñais, a participación en actividades de educación ambiental promovidas pola Aula da Natureza e outros traballos que implican a restauración do equilibrio no medio natural e vixiar o cumprimento da normativa medio ambiental.

Servizo de normalización lingüística

O Concello de Ames puxo en funcionamento en abril de 2004 o Servizo de Normalización Lingüística, que naceu coa idea de ser un elemento dinamizador do uso do galego tanto dentro como fóra do Concello. Os seus obxectivos principais son incrementar o uso e prestixio social da lingua galega, contribuír á completa galeguización da Administración local e mellorar a calidade comunicativa da adminstración. A única traballadora adscrita a este servizo é a presidenta do comité de empresa e está incluída na proposta de despedimentos.

Servizo de animación á lectura e Bibliotecas

Na proposta do Concello elimínase totalmente o persoal de animación á lectura (2 persoas) e 1 posto de axudante de bibliotecas. Desta maneira os dous puntos de atención de Bertamiráns e do Milladoiro pasarán a estar atendidos unicamente por 1 persoa en cada lugar, o que é claramente insuficiente para atender o servizo nun concello destas características. Isto implica o peche dunha das sedes ou unha drástica reducción de horario de apertura.

A Biblioteca de Ames pasou de ser, até o ano 2004, un servizo de “depósito” de libros a converterse, nos anos seguintes, nun servizo punteiro de Bibliotecas. Pasou de ter un servizo atendido por dous auxiliares de bibliotecas, a media xornada (20h. semanais en horario de tarde), un servizo descentralizado, cos fondos sen catalogar e desorganizados, con poucos usuarios e poucos préstamos, sen actividades de animación á lectura, e contando unicamente con libros entre os seus documentos, a ser un servizo de referencia en Galicia na prestación de todos estes servizos.

Durante o 2010 atendeu preto de 40.000 persoas e na actualidade conta con 5.700 socios/as reais, o que representa o 18% da poboación.

Radio Municipal

Desde a súa posta en funcionamento, hai catro anos, a Radio Municipal actuou como canle de expresión da actividade e das necesidade dos distintos sectores da sociedade amesán. Cómpre destacar a súa estreita relación, a través de espazos especificos, coa comunidade educativa e cos sectores sociais, culturais e empresarias do Concello. Concursos de radio para promover o uso da lingua e alertar á mocidade sobre o perigo do consumo de drogas, espazos de divulgación de boas prácticas nutricionais, médicas ou ecolóxicas, atención aos emprendedores e á comunidade inmigrante, a infancia e a poboación maior a través de seccións especificas onde estes sectores eran os protagonistas, ademais dunha información diaria de servizo que atende, como non o pode facer ningún outro medio, desde a proxinidade, perdénse co peche deste medio de comunicación propio que axudou a vertebrar aos distintos sectores da sociedade, a conferir unha identidade singular ao Concello e que foi catalogado, pública e informativamente, como un dos máis veraces e plurais de toda a comunidade autónoma.

O goberno municipal propón a supresión deste servizo sen estudar ningunha outra fórmula de financiamento que permitiría seguir prestando este servizo reducindo considerablemente o seu custo.

Ningún comentario: