Ateneo de Santiago - Valle-Inclan nos luns do Ateneo

Hoxe luns 11 de xaneiro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Arte, Educación e Cultura titulada “Valle-Inclán e a I Guerra Mundial: das trincheiras á literatura”, que estará impartida por Dª. Margarita Santos Zas, Directora da Cátedra Valle-Inclán da USC.

Margarita Santos Zas Doutorouse na USC con Premio Extraordinario (1989) cunha tese sobre Valle-Inclán e é Profesora Titular de Literatura Española na universidade compostelana. Desde 1994 ven dirixindo sucesivos proxectos de investigación I+D+i, cos integrantes do Grupo de Investigación Valle-Inclán (GIVIUS). É directora da CÁTEDRA VALLE-INCLÁN da USC, que edita unha colección propia; e coeditora da revista Anales de la Literatura Española Contemporánea/Anuario Valle-Inclán (Society of Spanish and Spanish American Studies). 

É autora de Tradicionalismo y literatura en Valle-Inclán (1889-1910); Cronología de la literatura Española. Siglo XX (con Darío Villanueva); Valle-Inclán, Director de la Academia de Roma (1933-1936): estudio y documentación; e Todo Valle-Inclán en Roma: edición, anotación, índices y facsímiles (en colaboración con membros do GIVIUS), Premio de Investigación Valle-Inclán 2008; ten no seu haber edicións individuais e co seu equipo de investigación (vgr: Premio de Edicións Universitarias 1999 por Café con Gotas,1886-1892), prólogos e numerosos artigos en revistas e colectáneas sobre teatro do século XVIII, poesía, teatro e novela contemporáneas (Carmen Pallarés, Caballero Bonald, Martín Garzo, Juan Manuel de Prada, Ana Diosdado, Almudena Grandes ou Campos Reina), pero é sobretodo Valle-Inclán o autor que dende fai anos centra a súa investigación, e ten organizado congresos, seminarios ou exposicións adicadas ao escritor arousán.

Ten impartido, asemade, cursos, seminarios e conferencias en universidades españolas, europeas e americanas. Na actualidade ten no prelo a edición facsímile dun manuscrito inédito de Valle-Inclán pertencente ao Arquivo Valle-Inclán Alsina (depositado na USC), concretamente o diario que escribiu perante a súa estadía en Francia en 1916 (…Con el alba. El Cuaderno de Francia); e por encargo o proxecto de edición crítica da Obra completa do escritor en colaboración co GIVIUS, da que están xa no prelo os tres volumes de narrativa e o primeiro de teatro; e, por outra parte, está en preparación unha selección das obras valleinclanianas para Alianza Editorial, previstas para 2017.

Ningún comentario: