O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou esta mañá que o Concello de Lalín “ten a máis firme vontade de colaborar con todo o mundo para poñer en valor o Camiño de Inverno”, pero aclara que para a reunión do vindeiro martes “se decidiu convocar exclusivamente aos veciños de Lalín, polo que non avisamos a ningún outro ente”. Considera deste modo que as acusacións vertidas pola presidenta de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, “son infundadas e non se sustentan”.
“Por suposto que temos a maior das disposicións a colaborar con todas administracións, organismos ou persoas que queiran potenciar o Camiño de Inverno, pero aínda é a primeira reunión e creemos que os lalinenses teñen moito que dicir”, recalcou Francisco Vilariño. O responsable de Turismo estima que ao contrario do que di Menéndez “ dende o Goberno de Lalín non estamos actuando pola nosa conta senón que estamos “facendo gala dun enorme exercicio en pos da transparencia e da participación convocando este tipo de xuntanzas”.
O Goberno municipal de Lalín ten entre os seus obxectivos prioritarios darlle un pulo ao Camiño de Inverno como elemento dinamizador do turismo, a cultura e o patrimonio. Por este motivo “lles imos dar a posibilidade de colaborar a todos os que desexen coma nós potenciar esta ruta tan descoñecida, comezando por que todas as veciñas e veciños interesados acheguen as súas propostas”, finalizou Vilariño.
Na reunión do vindeiro martes trataranse de definir as primeiras actuacións que se van desenvolver nos vindeiros meses para avanzar na promoción, na potenciación e na posta en valor do Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín. O encontro -que se desenvolverá na Sala de Prensa do Concello ás 19.30 horas- estará aberto a todas aquelas persoas que queiran participar e achegar o seu punto de vista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario