O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, reuniuse onte cos responsables da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo de Emerxencias da Xunta e de Protección Civil, para coordinar en conxunto o Plan de Seguridade e Tráfico da Feira do Cocido e dos eventos relacionados co festexo gastronómico.
O rexedor destacou que “en xeral, o dispositivo mantén as liñas dos anos anteriores e non esboza grandes cambios”. Deste xeito, repasouse o programa de actos relacionados coa Feira do Cocido, establecéndose como días clave para o dispositivo de seguridade e tráfico o venres, día 29 deste mes, debido á celebración da Gala dos Premios da Gastronomía, no Abanca Lalín Arena e o día 31, pola celebración da Feira do Cocido.
Así, o día da gala desenvolverase un operativo especial de control de tráfico e de seguridade viaria no entorno do multiusos, co obxectivo de aminorar posibles problemas de circulación e garantir a integridade dos peóns. Por outra banda, no día grande da Feira do Cocido, o plan especial tratará, igualmente, de garantir a fluidez na circulación e a seguridade das milleiras de persoas que se acheguen a desfrutar dos actos da Feira, para tratar de evitar calquera tipo de incidencia. Como sinalou Cuíña, “a intención é eludir as conglomeracións de vehículos no centro, de modo que aqueles visitantes que se acheguen no seu coche se vaian derivando cara a periferia -Regueiriño e Rolda Leste, principalmente- onde hai grandes espazos habilitados para o estacionamento”. Do mesmo modo, “os buses que se despracen a Lalín terán á súa disposición os aparcadoiros das grandes áreas comerciais do casco urbano”, explicou.
O rexedor fixo fincapé en que “dende o Concello se está a traballar intensamente e de xeito coordinado cos responsables principais dos corpos de seguridade para garantir un desenvolvemento axeitado da Feira do Cocido e das actividades que se celebran ao seu carón”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario