O tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que 4 vivendas do concello de Lalín, que non reunían as mínimas condicións de habitabilidade, foron arranxadas coas axudas municipais destinadas a paliar a problemática da infravivenda. Con esta iniciativa, coordinada polo departamento de Benestar Social, logrouse mellorar as condicións de vida de 4 familias do concello con escasos recursos, polo que se trata dunha medida de marcado carácter social que encaixa dentro das prioridades do Goberno de Lalín.
O Concello destinou un total de 20.000 € a esta partida de subvencións, dos que finalmente se fixo uso de19.137,48 €. Segundo as bases das axudas, o importe máximo da subvención por cada vivenda reparada non podería exceder dos 5.000 €, aínda que neste caso ningún dos proxectos chegou ao límite da cantidade. Os traballos de mellora nas vivendas comprenderon dende actuacións xerais como acabamentos nas fachadas ou nas cubertas, ata obras de habitabilidade e de mellora funcional, como a adecuación das condicións hixiénicas, de ventilación, iluminación etc. Así mesmo, realizáronse tarefas de mellora na accesibilidade, tales como a supresión de barreiras ou a mellora de remates interiores. En todas as actuacións se seguiu a normativa urbanística en vigor.
Ao primeiro proxecto de rehabilitación fóronlle concedidos 4.992,45 €, cos que se realizaron traballos de albanelaría diversos, así como de fontanería, ao tempo que se arranxaron e se colocaron novas fiestras. A reparación doutras dúas vivendas foi executada coas cantidades de 4.719,00 e de 4.997,30 €, realizándose ademais dos correspondentes traballos de albanelería, a restauración completa dos tellados. A cuarta casa beneficiada obtivo unha axuda de 4.428,62 €, que permitiron levar a cabo diversas actuacións de albanelería, así como reparar o tellado e realizar melloras non baños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario