Lalín - Presentación da Feira do Cocido

O Concello de Lalín presentará mañá martes o programa de actos oficiais que se van a desenvolver durante a celebración da XLVIII edición da Feira do Cocido. A programación, deseñada ao longo dos últimos meses, conta con máis de medio cento de actividades que empezarán a desenvolverse a partir da vindeira semana e que terán o seu día grande o próximo domingo, 31 de xaneiro.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, explica que o grande obxectivo do Goberno local para esta edición centrouse “en potenciar aqueles aspectos da Feira que se facían ben, e que eran moitos, e en introducir algúns cambios para que a Feira recupere a súa esencia”. “Trátase”, explica Cuíña, “dunha celebración gastronómica na que se exalta o noso prato máis sobranceiro e popular, e, polo tanto, o Cocido debe volver á súa condición de festa aberta a todas e todos, unha feira do pobo e para o pobo na que haxa unha firme aposta pola calidade, a participación, a colaboración cidadá e a solidariedade”. 

En definitiva, o que pretende o Goberno local é que “o protagonismo desta celebración gastronómica pase a ser dos veciños, dos hostaleiros e dos comerciantes, e non dos amigos do alcalde de quenda, como viña sucedendo nos últimos anos”.

BUS PROMOCIONAL

A difusión da Feira desenvolverase durante as próximas semanas mediante un autobús promocional que ten previsto percorrer varias cidades galegas e algunhas do Norte de Portugal. Este autobús -rotulado co cartel da Feira do Cocido- sairá de Lalín o próximo martes e permitirá realizar degustacións ao público, ademais de propiciar unha presentación innovadora e moderna que asegure unha gran repercusión social. 

XANTAR SOLIDARIO

O denominado Cocido Solidario 2016 substituirá á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins solidarios para destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local. Este ano os fondos irán destinados á Asociación ARANES e a asistencia ao Cocido Solidario 2016, que se celebrará no Hotel Torre do Deza, estará aberta ao público en xeral. O prazo para facerse cunha entrada rematará o próximo 26 de xaneiro. 

ALDEA SINGULAR

Este galardón ten como principal obxectivo recoñecer os valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos dos moitos núcleos de poboación que existen no rural de Lalín. Desta maneira tamén se avanzará nunha das principais intencións do Goberno local para este mandato: promover a posta en valor, o coidado, a recuperación e a rehabilitación dos lugares e parroquias de Lalín. Neste sentido, Cuíña reitera que “a Encomenda do Cocido constituía un claro exemplo de acto propagandístico para contentar aos amigos políticos”.

COCIDO LGTB

A Feira contará pro primeira vez na súa historia co Cocido LGTB, unha serie de actos dedicados ao colectivo homosexual. Celebrarase o primeiro sábado do mes de marzo en colaboración con diferentes entidades LGTB e será un evento lúdico, pero tamén reivindicativo no que se faga una firme aposta pola igualdade.

Ningún comentario: