O BNG demandará no Pleno que o Concello de Santiago promova a constitución e dinamización do Consello Escolar de Educación que aínda non se reuniu nestes dous anos de mandato popular
A concelleira Elvira Cienfuegos presentou en rolda de prensa unha proposición que levará o BNG ao vindeiro Pleno destinada a habilitar unha liña de axudas para a adquisición de material escolar para familias con alumnado matriculado en infantil, primaria e secundaria nos centros de ensino público, que dispoñan de escasos recursos económicos, co fin de propiciar a igualdade de oportunidades, favorecer a xustiza social e a educación de calidade.
Segundo explicou Elvira Cienfuegos, a educación é a base do sistema social, e corresponde aos poderes públicos promover un sistema público de calidade que garanta a igualdade de oportunidades; e así, as administracións públicas deben aplicar accións de carácter compensatorio, dotando dos recursos e dos apoios necesarios o alumnado que se atope en situacións desfavorábeis.
As axudas convocadas pola Xunta para a adquisición de libros de texto non cobre as necesidades das familias, “con cantidades claramente insuficientes para os custos” ocasionados. “Pero ademais dos libros de texto, o alumnado ha de dispoñer de material escolar a engadir ao desembolso das familias ao inicio do curso”, engadiu.
Á vista das dificultades que padecen milleiros de familias de Santiago de Compostela, por mor da actual conxuntura económica, do paro e da redución salarial en moitos casos, resulta necesario implantar un sistema de axudas de carácter municipal para a adquisición de material escolar en función da renda co obxecto de que se beneficien as nenas e os nenos de familias con menos recursos. Como explicou a concelleira do BNG, “é unha práctica que exercen na actualidade outros concellos, non descoñecida para o de Santiago, que dispuña dunha liña de axudas para o material educativo”.
“Unha vez eliminado pola Xunta do PP o sistema de préstamo de libros, e perante unha situación de empeoramento das condicións socioeconómicas das familias, do mesmo xeito que por parte das ANPAS se puxo en marcha o sistema de banco de libros, o Concello debería, como administración publica e a máis próxima á cidadanía, volver implicarse na contribución á gratuidade do ensino, na contribución a que o sistema educativo sirva á cohesión social e á igualdade de oportunidades”, indicou.
O BNG propón que, cando menos, incorpore unha convocatoria de axuda para material escolar para as familias con menor poder adquisitivo do municipio, “estas axudas deberían ser compatíbeis con calquera outra que percibiran, para libros, para comedor e para transporte escolar”.
Dado o actual contexto económico e, ás portas do inicio dun novo curso escolar, tamén se fai necesario ter presente o recente incremento do IVE no material educativo que pasou do 4% ao 21%, o que resulta especialmente gravoso para as familias con fillos e fillas en idade escolar. Elvira Cienfuegos proporá tamén no Pleno que o Concello de Santiago demande do Goberno do Estado unha redución do IVE aplicado ao material escolar, debido ás dificultades económicas que padecen moitas familias con nenos e nenas por mor da crise para afrontar os gastos derivados do inicio do vindeiro curso.
Sen constituír o Consello Municipal de Educación
“Son aspectos que, de certo, terían presenza no Consello Municipal de Educación, un órgano de asesoramento, consulta, proposta e participación sobre o ensino non universitario”, sinalou. Trátase dun órgano no que conflúe a comunidade educativa e representantes da cidade, que ten entre os seus obxectivos “contribuír á corrección das desigualdades socioculturais, á cohesión do tecido escolar e a sociedade, a mellorar a eficiencia no sistema educativo”, dixo.
A concelleira nacionalista puxo en evidencia tamén que “no que vai de mandato popular, pese a que a norma estabelece polo menos unha reunión a principio e outra a final de curso, o Consello Escolar Municipal que ten de vixencia a duración da Corporación municipal, aínda non se constituíu e xa que logo non tivo ningunha reunión”. Neste sentido, o BNG reclamará no Pleno que o Concello de Santiago promova a constitución e dinamización do Consello Escolar de Educación como órgano de consulta e de debate, tamén para favorecer a corrección das desigualdades sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario