Psoe Teo - Falta de planificación na execución de obras e na limpeza de maleza

Ano tras ano, o goberno de Martiño Noriega amosa a falta de planificación na execución de obras e da limpeza da maleza que invade o concello de Teo.
Como xa ven sendo unha tradición, periodicamente o goberno de Noriega anuncia a bombo e platillo as obras de parcheado-reparcheado dos viarios internos do Concello, como por exemplo, as realizadas nos primeiros meses do ano pola cantidade de 30.000 euros.

Os Socialistas de Teo consideramos que “vender” o gasto do 0,2% do orzamento municipal en melloras do viario interno amosa que desde o goberno de Martiño Noriega están, unha vez mais, a vender fume.

Falta de planificación, arranxo do arranxado, escasas actuacións, ... son características da execución das obras en Teo. Como sinala Uxía Lemus, concelleira do PSdeG de Teo, “que estas obras non encaixen nos plans de obras supramunicipais non significa que non deban ser obxecto dunha planificación anual, totalmente inexistente actualmente. O parcheado-reparcheado en Teo non pode substituír ao arranxo integral dos viarios nun concello cunhas comunicacións internas que cando menos poden ser cualificadas como de moi baixa calidade”.

Outro tema recorrente en Teo, chegado o verán, é o estado lamentable dos viarios causado pola maleza que os invade, dificultando o tránsito tanto de vehículos como de persoas, e que aumenta a perigosidade en caso de incendios forestais.

A limpeza por operarios municipais do “estado cuasi selvático” na que se topan os viarios en Teo obedece a unha “planificación” baseada principalmente no calendario de festas e que se prolonga ata o mes de setembro, planificación que non parece a mais axeitada. 

Uxía Lemus indica que: “Parece que desde o goberno de Noriega queren ligar a limpeza de fincas á unha mera cuestión ornamental, e non de seguridade viaria e de protección contra incendios. O tema agrávase porque hai parroquias que son limpadas en fases que se prolongan ata 5 meses, como pasa no caso de Rarís”.

O PSdeG-PSOE de Teo, finalmente, só quere lembrar ao goberno de Martiño Noriega as súas propias palabras dirixidas a outras administracións públicas: “que realicen estes traballos de mantemento con planificación e nun prazo razoable. A falta de limpeza nas vías pode provocar en ocasións situacións de perigo”.

Ningún comentario: