Ames Novo presenta unha moción para que se incorporen no abono familiar dos prezos públicos municipais aos membros da familia con menos de 25 anos se non dispoñen de ingresos
Ata este momento algúns prezos públicos municipais, como o das piscinas, o abono familiar recollía nunha única tarifa a pais, nais e fillos/as menores de 18 anos. A proposta de Ames Novo pretende que este abono inclúa tamén aos fillos e fillas ata os 25 anos que non dispoñen de ingresos propios. A moción foi rexistrada hoxe de cara ao seu debate e posible aprobación no próximo Pleno.
A actual situación de falta de ingresos da xuventude e a súa incapacidade para seren economicamente autónomos obriga á xente moza a permanecer vinculados a unidade familiar. Xa viña sendo así nas últimas décadas pero agora son excepcións os xoves que poden emanciparse véndose obrigados a vivir dos ingresos das súas nais/pais. Na actual situación unha familia con dous pais e dúas fillas menores de idade pagaría 20€ toda a tempada por 4 membros, pero se as dúas fillas son maiores de idade terían que pagar 48€ polos mesmos 4 membros.
A proposta asenta o límite de idade nos 25 anos na lexislación que establece os beneficios para o caso das familias numerosas e da dedución por IRPF. A moción de Ames Novo solicita a modificación da Ordenanza reguladora do prezo público das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal, pero tamén se propón que se estenda ao conxunto dos prezos públicos e taxas municipais. É unha proposta de xustiza que facilita a accesibilidade ás instalacións deportivas e culturais do Concello de Ames, nun momento en que pequenos cambios nos prezos poden facer que algunhas familias accedan ou queden fora dos servizos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario