A Plataforma de Afectados por Preferentes de Compostela CONCENTROUSE diante da oficina principal de NGB en Santiago para denunciar o fraude que supón o proceso de canxe obrigatorio por accións e a solicitude de liquidez ao FGD
A Plataforma de afectados por preferentes e subordinadas de Compostela CONCENTROUSE onte, lúns 15 de xullo, diante da Oficina Principal de NovaGalicia Banco en Santiago.
Con esta nova mobilización, a Plataforma de afectados pola estafa masiva quere denunciar a urxencia e a opacidade do proceso de canxe por accións imposto polo F.R.O.B. das preferentes e subordinadas e as actuacións coactivas por parte de NGB no posterior proceso de compra destas polo F.G.D. (que se iniciou o 17 de xuño e ven de rematar o pasado venres 12 de xuño):
O proceso supón presumiblimente a última fase dunha folla de ruta trazada polo goberno español, a través do FROB, dirixida a que os cidadáns estafados por NGB e despois expoliados polo executivo pola imposición das quitas, contribúan en boa medida ao rescate das entidades financieiras que os estafaron. Todo isto, mediante unha “normativa de excepción”, a Resolución do FROB do 7 de xuño de 2013, como desenvolvemento do RD Lei 6/2013, que é un auténtico traxe a medida para os intereses da banca e dos responsables políticos do goberno do estado.
O obxectivo último desta folla de ruta é impedir que a totalidade dos aforradores e aforradoras recuperen o 100% dos seus aforros.
En vez de dar unha solución política que permita a devolución do 100% do aforro mediante un procedemento extraxudicial e universal, que se podería concretar coa aceptación de todas as solicitudes de arbitraxe presentadas e que este procedemento permanecera aberto, o FROB puxo fin a arbitraxe ao iniciarse o proceso de canxe e liquidez.
O responsable de este atropelo contra os lexítimos intereses dos estafados é o Executivo de Madrid, que facendo uso da maioría absoluta do seu partido nos Congreso dos Diputados, desenvolve unha lexislación de excepción para consumar un fraude institucional mediante a imposición por decreto de quitas e canxes por accións non cotizables de xeito obrigatorio.
O cómplice necesario deste fraude foi o Goberno da Xunta de Galiza, que en ningún momento fixo oposición á esta folla de ruta e permitiu a que NGB e o FROB pecharan o proceso de arbitraxe sen que fosen estimadas todas as solicitudes dos aforradores. Todo isto facendo caso omiso e sen dar cumprimento aos acordos unámimes do Parlamento Galego en defensa dos estafados e ás promesas do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
DENUNCIAMOS QUE O PROCESO:
Tivo uns prazos excesivamente curtos e que non se aceptou a petición das plataformas de afectados de que estes se ampliaran, tal como é potestade do propio FROB, e de que non se pechara a arbitraxe.
Os documentos ou contratos a asinar polos aforradores afectados son xurídica e tecnicamente complexos e difíciles de entender por non expertos en finanzas.
Determinadas cláusulas son pouco claras en canto aos compromisos que se adquiren ou os dereitos aos que se renuncia coa súa sinatura, podendo limitar os dereitos e accións futuras dos afectados.
A modo de exemplo, NGB negouse a aceptar ou puxo serios impedimentos a que os interesados presentaran escritos onde manifestaban a súa reserva de accións e dereitos derivados da adquisición e tenencia das accións e/ou os produtos no seu día adquiridos. Sospeitamos que estas negativas, que en moitos casos se realizaron mediante actuacións coactivas, de xeito telefónico ou verbal e nunca por escrito, e nalgúns casos ameazando aos afectados con non tramitarlles a solicitude da adquisición de accións polo F.G.D., pode estar encamiñada a unha estratexia, por parte da entidade bancaria, de oposición as demandas xudiciais que os afectados se verán obrigados a presentar para reclamar as cantidades non recuperadas pola vía de arbitraxe.
DEMANDAMOS:
A paralización das quitas e a derrogación do RD Lei 6/2013 que rouba os aforros para darllos aos estafadores.
A devolución do 100% do aforro aos afectados e o compromiso de se devolvan as cantidades íntegras a todos os estafados que solicitaron a vía da arbitraxe.
Que o FROB, como accionista maioritario de NGB, non utilice como estratexia de defensa xudicial ningún dos termos ou cláusulas dos documentos asinados no proceso de venta ao FGD das accións non cotizables canxeadas obrigatoriamente e que non pretenda rexeitar as demandas xudiciais dos estafados que se van ver obrigados a reclamar por vía xudicial a devolución dos seus cartos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario