Como de “pequena” é a subida do comedor da gardería pública?
Cómpre recordar que segundo o decreto da Xunta de Galiza o prezo do comedor podería subir até o duplo
O BNG da Estrada esixe saber como de “pequena” é a subida do comedor da gardería anunciada antonte pola concelleira de servizos sociais, Amalia Goldar. Temos que recordar que os nosos veciños e veciñas levan meses soportando “pequenas” subidas en todo tipo servizos (auga, luz, gasóleo, impostos, etc), que a final de mes supón unha pesada lousa para moitas familias da Estrada.
Polo tanto, consideramos que o PP debería aclarar esta cuestión, xa que segundo o decreto da Xunta de Galiza, o prezo do comedor podería subir até o duplo do que pagan agora mesmo, co cal a cifra xa non sería tan pequena, por moito que diga a concelleira de servizos sociais.
Por outra parte, no BNG queremos recordar unha vez máis que os veciños e veciñas da Estrada están a soportar unha carga impositiva moi elevada, este ano por exemplo, a contribución subirá un 140% a respecto do que se pagou en 2011, ano no que o PP subiu estes impostos, sen que, como contrapartida, teñamos uns servizos acorde aos impostos que pagamos todos e todas.
Neste sentido, non podemos esquecer que 46 cativos quedaron sen praza na gardería pública por teren un aforo moi limitado, xa desde a súa inauguración, alá por 2002. Polo de agora o PP non lle ten buscado unha solución, mais ben ao contrario, paralizou o proxecto da Cidade do Móbel, que contemplaba unha nova gardería pública para A Estrada.
Como xa ten denunciado o BNG en múltiples ocasións, para o PP a prioridade non están en proporcionar servizos públicos de calidade, senón en facer campos de fútbol que ninguén necesita; para iso o Partido Popular sempre atopa recursos públicos dispoñíbeis, mais non para facer unha nova gardería.
Reiteramos, polo tanto unha aclaración sobre a canto ascende o prezo do comedor da gardería, coido que as nais e pais teñen o dereito a sabelo e non agochar o custe con palabrería e todo tipo de eufemismos. E, por outra parte, temos que recordar que o concello non pode cobrar pola taxa máis do que lle custe o servizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario