CIGA concello Ames - Cambios e traslados de posto no concello sen xustificación

Dende a entrada do actual goberno municipal estanse produción diversos traslados e cambios de posto entre o persoal do Concello de Ames, aparentemente carentes de planificación e motivación obxectiva
A Xunta de Persoal, o Comité de Empresa e as seccións sindicais do Concello de Ames, entenden que os cambios son aparentemente arbitrarios dado que non se ten constancia da motivación obxectiva de tales modificacións nin sequera da consulta ás xefaturas de servizo nin da solicitude do preceptivo informe ao Comité de Empresa, no caso de persoal laboral.

Aínda que o órgano de goberno municipal dentro da competencia de autoorganización ten potestade para trasladar os traballadores que ocupen postos non singularizados (por exemplo auxiliares administrativos, peóns, etc.), co obxectivo de conseguir unha maior efectividade dos servizos, ten que seguir uns requisitos legais que nestes casos se incumpriron.

Os traslados de persoal esixen unha resolución debidamente motivada e a modificación da adscrición ao posto de traballo para axustala ao novo destino. Ademais no caso de persoal laboral é preceptivo un informe do Comité de Empresa. O goberno de Ames incumpriu estes tres requisitos.

Os cambios estanse comunicando verbalmente, sen resolución motivada, dun día para outro e sen modificar a adscrición a Relación de Postos de Traballo. Ademais, nalgúns casos estase facendo sen cumprir cos requisitos funcionais para o desempeño do posto ou sen existir o posto na RPT. Deste xeito, os traballadores non teñen forma de xustificar a permanencia no seu novo destino. Estes defectos formais son indicativos da falta de planificación e da arbitrariedade dos cambios.

Por todo iso, os e as representantes dos traballadores e traballadoras solicitáronlle ao Goberno municipal a notificación por escrito ás persoas afectadas, mediante resolución de Alcaldía debidamente motivada, dos cambios de destino; que ditos cambios se axusten aos postos existentes na actual RPT, ou ben se modifique esta previa negociación cos órganos de representación sindical.

Mentres non se dean estes requisitos, entendemos que os cambios realizados están incumprindo a legalidade e polo tanto deben anularse.

A parte social anuncia tamén que, de non cumprírense os requisitos normativos, valorarase a posibilidade de emprender as medidas legais que se estimen oportunas.

Ningún comentario: