CIGA Compostela - Peche de unitarias en Ordes

A Consellaría de Educación vai pechar dúas escolas unitarias en Ordes.
Este peche traerá a maiores a saturación do CEIP Castelao tamén de Ordes
A Consellaría de Educación intensifica os seus ataques ao ensino público como servizo básico e así nesta fin de curso comunica a intención de pechar dúas Escolas de Educación Infantil en Ordes, en concreto as Escolas de Educación Infantil de Uzás (Buscás) e o CEIP Beán, escolas que manteñen para o vindeiro curso 2013/2014 unha previsión de alumnado similar á de anos anteriores.

No caso da de Uzás, mesmo cunha expectativa maior de matrícula para o curso 2014/2015.

Ademais da redución de prazas no ensino público que supón o peche das escolas e do trastorno para as nais e pais dese alumnado, de levarse a cabo este peche a calidade do ensino tamén se vería afectada no CEIP Castelao de Ordes, posto que terían que matricular por riba da ratio que o Goberno do Partido Popular di garantir, é dicir, 25 alumnos ou alumnas por aula. Concretamente dúas aulas de infantil do CEIP Castelao pasarían a ter 26 alumnas e alumnos.

A CIG-ENSINO levará este tema á vindeira reunión da Xunta de Persoal co Xefe Territorial de Educación, na que lle manifestará a súa rotunda oposición:

1.- Por considerar que sempre que haxa alumnado suficiente deben manterse abertas este tipo de escolas que son as que permiten aos nenos e nenas unha escolarización máis próxima á súa contorna familiar.

2.- Porque co peche destas escolas estase a producir a saturación doutros centros educativos.

3.- Porque estas pequenas escolas teñen ademais unha función social fundamental ao contribuír á fixación de poboación no medio rural e nas nosas parroquias, o cal favorece unha maior calidade de vida.

A CIG-ENSINO chama á comunidade educativa a defender o dereito a contar cun ensino público de calidade pois nel vainos o futuro.

Ningún comentario: