Santiago - Hoxe no Vía Stellae o Grupo Residente de Percusión do FIP

Un grupo de músicos galegos, unidos pola súa paixón pola percusión contemporánea, forman un grupo itinerante que fixo posible que percusionistas de todo o mundo visitasen Galicia para ofrecernos a súa visión do panorama mundial da percusión.
Dende aqueles inicios hai 15 anos e grazas á constante evolución dos seus membros, están agora presentes en diferentes orquestras españolas e europeas e forman parte de numerosas manifestacións artísticas nutrindo o panorama cultural de novos percusionistas. Proxectos como o Festival Internacional de Percusión (FIP), Merzapercusión, Odaiko Percussion Group ou Perkuka son un exemplo das manifestacións que xorden desta unión constante e que os leva ser pioneiros en moitos proxectos.

‘Mesturas, remexendo nas raíces do contemporáneo’ homenaxea a compositores que traballaron dende a matriz rítmica e sonora máis simple e ancestral da percusión, para elaborar o que se presenta como unha mestura de sonoridades unidas polo fundamento da súa composición. Entrada libre prevía recollida de invtación na billeteira do Teatro Principal.

A percusión é o instrumento máis ancestral xunto coa voz; a súa evolución sempre estivo ligada ao ser humano, xa que este empregouna en ritos folclóricos, chamadas, ritos, bailes, traballos de campo… Mesturas é como denominamos e homenaxeamos neste proxecto a compositores que traballaron dende a matriz rítmica e sonora máis simple e ancestral da percusión, para elaborar o que presentamos como unha mestura de sonoridades unidas polo fundamento da súa composición. De elementos naturais como a madeira, auga, barro, peles etc., están feitos os instrumentos que nos trasladan a un pasado que non fai máis que asentarnos no presente e marcarnos o futuro.

Martes 16 de xullo ás 21.30h no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Entrada libre prevía recollida de invitación no Teatro Principal.

Ningún comentario: