Auditorio de Galicia – Manuel Lourenzo gañador de premio Blanco Amor de novela longa

O xurado, reunido o día 11 de novembro, elixiu a súa obra presentada baixo o lema ATL

Manuel Lourenzo González gaña a XXIX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor

  • O premio seralle entregado polo alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa, nun acto o día 2 de decembro ás 20.00h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia

  • O xurado valorou moi positivamente a coherencia do universo literario empregado, o dinamismo, a escrita entretida e áxil e a credibilidade do futuro no que nos sitúa

Santiago de Compostela, 17/11/2011.- Manuel Lourenzo González é o gañador da XXIX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor que este ano organiza o Concello de Santiago e que está dotado con 12.020€ . Así o decidiu o xurado do premio reunido o pasado 11 de novembro no Teatro Principal cando elixiu a súa obra, presentada baixo o lema ATL. O premio será entregado ao gañador polo alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa nun acto que se celebra o vindeiro 2 de decembro ás 20.00h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

O xurado, que fai constar na acta que “valora moi positivamente a cantidade e a calidade xeral das obras presentadas”, despois das correspondentes deliberacións acordou conceder o premio de novela longa Blanco Amor á obra presentada baixo o lema ATL, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Manuel Lourenzo González.

Tal e como recolle a acta, o xurado valorou “moi positivamente a coherencia do universo literario empregado. A intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz. O dinamismo da historia, a escrita entretida e áxil e a credibilidade do futuro no que nos sitúa, foron valores aprezados por este xurado para escoller a ATL como a novela gañadora desta edición do premio Blanco Amor.”

O xurado que elixiu ao gañador estaba integrado por Paula Carballeira Cabana, Francisco Macías Macías, Iván García Campos e Pablo Couceiro Caramés, asistidos polo Concelleiro de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, Ángel Currás Fernández, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Manuel Lourenzo, Licenciado en Pedagoxía, é profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Autor polifacético, cultiva a narrativa de adultos, aínda que el mesmo indica que se sinte especialmente cómodo como creador de literatura xuvenil e de contos para cativos. Tamén ten varios libros de teatro e de ensaio no ámbito da didáctica da lingua, así como libros de texto. Obtivo varios premios coma o Xerais de Novela, Pedrón de Ouro, Carvalho Calero, Café Dublín, García Barros, Narrativas quentes e Merlín en narrativa; O Facho e Estornela en teatro e máis recentemente o Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor. Agora, ese listado vén agrandarse cos este Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.

Ningún comentario: