O TANATORIO DE BOQUEIXON UBICARASE PRETO DA IGREXA E O CEMITERIO DE LESTEDO.
Logo de meses de negociacións coa empresa interesada en construír o tanatorio na localidade de Lestedo e tras as negativas dos veciños da localidade de Ramil, na parroquia de Lestedo, o Concello de Boqueixón acaba de chegar a un acordo con dita empresa interesada para que este equipamento cambie a súa ubicación prevista e que xerou gran polémica e malestar veciñal.
Así a nova situación do tanatorio será nuns terreos veciños á igrexa parroquial de Lestedo, sendo por tanto unha localización máis axeitada e cómoda.
Foi no ano 2010, cando se puxera en marcha a idea da construción do Tanatorio nuns terreos na aldea de Ramil a cargo dunha iniciativa privada, dende ese momento algúns dos veciños desta localidade opuxéronse a esta iniciativa de grande necesidade para o Concello.
Así e tras meses de negociacións coa empresa implicada, o Concello de Boqueixón logrou atopar unha nova localización para este equipamento, que comezará de novo os trámites legais correspondentes para a súa construción e dotar a Lestedo e a todo Boqueixón, dunha infraestrutura que en palabras do seu Alcalde Adolfo Gacio. “era básica e fundamental para o noso concello e que evitará ter que desprazarse a Santiago, A Estrada, ou outros lugares cando exista o falecemento de algún veciño ou veciña do noso concello”.
Adolfo Gacio quixo destacar tamén que con esta decisión escóitanse as queixas dos veciños de Ramil e demostrase unha vez a capacidade dialogante e conciliadora deste equipo de goberno sempre na búsqueda do ben dos veciños e veciñas do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario