O PSOE DENUNCIA QUE O CONCELLO DE TRAZO LLES DUPLIQUE O RECIBO DO LIXO AOS VECIÑOS DE TRAZO POLA MALA XESTIÓN DO ALCALDE XOSÉ DAFONTE
Os socialistas votaron en contra da reserva de 96.000 euros do POS 2012 para gasto corrente e propuxeron unha rebaixa do soldo do alcalde para poder facer as obras necesarias en Trazo
15 de novembro de 2011.- O Partido Socialista de Trazo denuncia que o Concello de Trazo lles vai duplicar o recibo do lixo aos veciños e veciñas do municipio no próximo exercicio por culpa da pésima xestión económica realizada por Xosé Dafonte nas últimas dúas lexislaturas. Así, os concelleiros do Partido Popular aprobaron en solitario unha subida da taxa do lixo de case o 93,54%, o que suporá que unha vivenda do rural que pagaba 31 euros a partir do ano que vén terá que aboar 60 euros.
A voceira do grupo municipal socialista, Beatriz Domínguez, xustificou o voto en contra do seu grupo no feito de que “esta suba é froito da pésima xestión económica realizada por Xosé Dafonte nos últimos oito anos. Se tivese actualizado a taxa cando lle correspondía, agora non tería que meterlles este sablazo aos veciños e veciñas de Trazo, un duro golpe á economía das familias de Trazo nestes momentos de crise económica”. O grupo municipal socialista si que votou a favor da actualización do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que se incrementa de acordo co IPC.
Obras ou soldo do alcalde
Por outra banda, o pleno extraordinario celebrado esta mañá en Trazo tamén servíu para a aprobación do Plan de Obras e Servizos 2012, que o grupo popular aprobou en solitario. Un plan que reserva máis de 96.000 euros para gasto corrente, o cal foi considerado excesivo e abusivo por parte dos concelleiros socialistas. Beatriz Domínguez explica que “os socialistas estamos a favor de que se fagan obras en Trazo, pero non podemos apoiar que se deixen de facer obras para os veciños porque temos que pagarlle o soldo a un dos alcaldes máis caros da comarca”.
Por esa razón, os socialistas propuxeron ao pleno que Xosé Dafonte se rebaixara o seu soldo de acordo co número de habitantes de Trazo, en vez de recurtar o investimento en obras. “É algo moi triste pois as obras que se fan en Trazo financiadas polo POS son practicamente as únicas que se realizan en todo o ano, por iso é unha vergoña que o alcalde recurte en obras para poder costearse o seu soldo”, sinala Domínguez Siaba.
Compre lembrar que no pleno de constitución, celebrado o pasado 22 de xuño, o Goberno municipal encabezado por Xosé Dafonte duplicou o número de dedicacións parciais para os concelleiros do Partido Popular e incrementou nun 14% o custe do Goberno para os veciños e veciñas de Trazo. Na práctica, isto significa que catro concelleiros do PP están a cobrar 37,5 euros por cada hora de traballo. No caso do alcalde, Xosé Dafonte fixouse un soldo de máis de 43.300 euros, unha cifra que os socialistas consideran “esaxerada e un auténtico despilfarro para un concello de apenas 3.500 habitantes, sobre todo cando na campaña electoral o PP enarbolou a bandeira do aforro e da contención do gasto muncipal”, denuncia Domínguez Siaba.
Ao ser rexeitada a súa proposta, o grupo municipal socialista non aprobou este punto da orde do día. Beatriz Domínguez insistiu en que “os socialistas queremos que se fagan estas obras e apoiámolas totalmente, pero non podemos votar a favor de que se deixen de facer melloras para os nosos veciños para que o alcalde manteña un soldo totalmente desproporcionado”. Así, o POS 2012 de Trazo destinará algo máis de 96.000 euros a gasto corrente e os outros 125.000 euros a un proxecto de conservación de camiños en Viaño Pequeno, Xavestre e Gurís; e un segundo proxecto de conservación de camiños en Tarrío e A Oa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario