BNG Ordes – o pleno aproba as propostas do BNG para o POS

O PLENO APROBA A INCLUSIÓN DAS PROPOSTAS DO BNG NO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS

- Ampliarase o ximnasio da piscina climatizada, urbanizarase o Ceidón e mellorarase a pista de Souto de Zar en Pereira.

- O BNG non apoia o cobro trimestral das taxas do lixo e da auga porque suporá un maior quebranto ás economías domésticas.

- O BNG esixe ao goberno municipal que se equipe o local de ensaio.

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, amosou a súa satisfacción porque o Pleno aprobase as propostas do BNG para incluir o Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial (POS), deste xeito ampliarase o ximnasio da piscina climatizada, urbanizarase a zona do Ceidón e se mellorará a pista de Souto de Zar na parroquia de Pereira. A inclusión destas obras foi consecuencia dunha moción dos nacionalistas aprobada o pasado mes de setembro polo Pleno da Corporación Municipal.

Gonzalo Castro emplazou ao goberno “a executar coa máxima celeridade estas obras que os veciños levan demandando moito tempo e que o BNG xa propuxo incluir nos Orzamentos Municipais dos últimos catro anos”.

As obras aprobadas polo Pleno, a proposta do BNG, destinarán un investimento de 58.000 euros á ampliación e mellora da piscina climatizada, 143.000 euros para a urbanización do Ceidón e perto de 30.000 para a pista de Souto de Zar na parroquia de Pereira.

Pago trimestral das taxas do lixo e da auga

O BNG non apoiou o cambio do cobro mensual a trimestral das taxas do lixo e da auga, xa que, segundo manifestou Gonzalo Castro “o cobro trimestral fará máis gravoso o pago destas taxas, causando un quebranto ás economías domésticas, ao aumentar considerablemente a contía do recibo con respecto ao que se viña cobrando de forma mensual”.

Con respecto ao argumento do aforro nos gastos de xestión de cobro dos recibos, dado polo goberno para xustificar esta proposta, Castro manifestou que “se do que se trata é de aforrar diñeiro ás arcas públicas podería comezarse coa diminución dos gastos en dietas dos concelleiros, reducindo o seu número nas comisións informativas, algo que xa propuxo o BNG no último Pleno, e que foi rexeitado polo goberno e o PP, e que suporía un aforro de 15.000 euros ás arcas municipais”.

Local de Ensaio

O Pleno aprobou o Regulamento para o uso do local de ensaio municipal, neste punto, Gonzalo Castro esixiu ao goberno municipal que “se dote de medios e equipamento ao local de ensaio municipal, xa que na actualidade atópase totalmente baleiro e sen cumplir a función de dinamización da importante actividade musical existente en Ordes”.

O portavoz nacionalista fixo fincapé na necesidade de “dotar ao local de ensaio dunha mesa de grabación e de instrumentos”.

Ningún comentario: