Tordoia – semana de corresponsabilidade

GYMKANA, CINE E COCIÑA PARA A I SEMANA DA CORRESPONSABILIDADE DO CONCELLO DE TORDOIA

A iniciativa desenvolverase do 21 ao 25 de novembro e nela tomarán parte máis de 180 rapaces

O programa encádrase no I Mes da Corresponsabilidade no que se puxeron en marcha actividades durante todo o mes de novembro

18 de novembro de 2011.- Do 21 ao 25 de novembro o Concello de Tordoia celebrará a I Semana da Corresponsabilidade, no marco da celebración de actividades previstas no Plan de Igualdade de Mulleres e Homes do Concello de Tordoia posto en marcha o ano pasado. Durante eses días, maiores e pequenos participarán nunha Gymkana do fogar, un cineforum e un obradoiro de cociña, concebidos para traballar na superación dos roles que tradicionalmente se lle outorgan ás mulleres.

O obxectivo desta semana é continuar co traballo que durante todo o mes de novembro están levando adiante o Concello de Tordoia en colaboración co CPI Pecalama dentro do I Mes de Corresponsabilidade, dirixido a sensibilizar tanto a pais e nais como ao profesorado sobre a igualdade de sexos e corrixir estereotipos sexistas e traballar o incremento da corresponsabilidade no traballo doméstico e coidado dos nenos. Despois de actividades como o obradoiro “Cambiemos os Contos”, “O amo da casa” ou “Vaia canción”, esta semana máis de 180 rapaces de EI, ESO e EP do Pecalama participarán nas actividades previstas., que culminará cun obradoiro de cociña común que correrá a cargo da Escola Superior de Hostalería de Galicia, que dirixirá aos rapaces para elaborar todos xuntos unha receta de cociña.

“A finalidade de todas estas actividades é traballar desde abaixo para derrubar os estereotipos que continúan latentes na sociedade, fomentando a coresponsabilidade entre pais e nais e a educación igualitaria”, explicou o rexedor tordoiés, Antonio Pereiro, quen será o encargado de clausurar este I Mes da Corresponsabilidade o vindeiro día 25 de novembro nun acto que se desenvolverá tralo obradoiro conxunto de cociña.

Coa celebración destas actividades, levadas adiante co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Tordoia segue a apostar pola sensibilidazación e a posta en valor da muller, continuando coas tarefas comezadas o ano pasado cando as actividades estiveron centradas na muller do rural.

Ningún comentario: