Silleda – festival de coros infantís

Silleda acolle o vindeiro sábado día 19 o V Festival de Coros Infantís e Xuvenís

-Tres agrupacións pontevedresas ofrecerán un amplo repertorio no auditorio da Semana Verde, a partir das 17.30 horas

-O concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre e o presidente de Fecoga, Antonio Rey, presentaron hoxe o certame

Silleda, 17 de novembro de 2011. O auditorio da Semana Verde acollerá pasado mañá sábado o V Festival de Coros Infantís e Xuvenís no que participan tres agrupacións: o Coro Xuvenil O Castro de Baión, de Vilanova de Arousa; Coro Infantil-Xuvenil Zoltan Kodaly, de Vilagarcía e o xuvenil Clave de Sol, de Vilariño (Cambados). A cita será a partir das 17.30 horas, e en total desfilarán polo escenario preto dun centenar de vocalistas con repertorios do máis variado. Así, dos 5 temas que interpretará cada unha das tres agrupacións, figuran dende clásicos de Verdi, ou o popular La Bamba, ata temas de Antonio Flores ou The Beach Boys. A entrada é de balde.

O presidente da Federación Coral Galega (Fecoga), Antonio Rey, entidade que organiza a cita co patrocinio de Agadic, amosou hoxe durante a presentación do evento a súa satisfacción por celebrar este certame en Silleda, un referente xa para a entidade de corais que vén celebrando nesta localidade a súa asamblea anual dende hai xa varios anos.

“Eles son o relevo dos que hoxe cantamos nas corais”, apuntou Rey, que agradeceu a boa acollida do Concello de Silleda e lembrou o “traballo duro” dos directores e directoras dos coros.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura silledense, Matías Rodríguez da Torre, advertiu que este tipo de actos se enmarcan nunha das principais liñas de traballo do departamento, “que pasa por dinamizar a formación cultural”, Da Torre engadiu que esta iniciativa tamén pretende servir de “espello para os alumnos da Escola Mnicipal de Música”.

Logo da celebración das dúas primeiras edicións en Santiago, no Auditorio de Galicia, o certame celebrouse en Meis e Ribadumia, continuando agora noutra vila de Pontevedra, por ser a provincia con máis agrupacións deste tipo.

Ningún comentario: