O BNG de Trazo denuncia que o alcalde lles impide a utilización dun local concedido pola Xunta Electoral
Santiago de Compostela, 14/Novembro/2011.- O BNG de Trazo denuncia que o alcalde de Trazo incumpriu o mandato da Xunta Electoral ao non deixar utilizar o local concedido para o mitin do BNG este domingo, día 13. O BNG da localidade tiña concedida a antiga casa do Concello en Viaño Pequeno para desenvolver o seu acto e así llelo indicou a Xunta Electoral o 28 de outubro pero finalmente tiveron que suspender o acto ao non permitírselle o uso do local por parte do Concello. O acto pospúxose para o vindeiro xoves 17.
O BNG de Trazo ía celebrar onte domingo día 13 un acto político na antiga Casa do Concello en Viaño Pequeno. Para iso tiña permiso da Xunta Electoral desde o pasado 28 de outubro a dispor dese local desde as 18.00 ata as 21.00h. Onte domingo, tras falar coa policía local e coa encargada de abrir os locais a única resposta que se recibiu por parte de todos foi que non tiñan notificación do alcalde e que sen esa notificación non podían abrir.
Desde o BNG entregóuselle a xustificación da Xunta Electoral na que se daba ese permiso pero eles mantiveron que sen o permiso directo do alcalde non abrían e o alcalde, ao parecer, estivo ilocalizábel durante toda a xornada. Por iso, o BNG viuse obrigado a suspender finalmente o seu mitin que pasaron para o vindeiro xoves 17. Desde o BNG de Trazo esperan non ter problemas tamén o vindeiro xoves e denuncian as incomodidades que este cambio provocou así como a gravidade do incumprimento por parte do alcalde das indicacións da Xunta Electoral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario