OS ACTOS EN CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO TERÁN UNHA FORTE PRESENZA DO MOVEMENTO ASOCIATIVO E DO COLECTIVO EDUCATIVO
· Esta mañá reuniuse a Xunta Local de Seguridade do Concello de Teo para crear a Mesa técnica de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero
18 de novembro de 2011. O Departamento de Benestar do Concello de Teo, está pechando os actos conmemorativos do día mundial contra a violencia de xénero, o 25 de novembro. Como explica o edil da área, Ignacio Iglesias, “nas actividades programadas terá un marcado protagonismo a comunidade, a través do movemento asociativo e do colectivo escolar xa que estamos falando dun problema de toda a sociedade”.
Pola súa banda, a política tamén terá o seu papel xa que nos últimos días os grupos con representación na corporación consensuaron unha declaración institucional co gallo do 25 de novembro que se leerá diante da Casa do Concello o 24 de novembro ás 18:00 horas. Este manifesto conta tamén coas aportacións e o consenso da Asociación Teenses pola Igualdade e da Asociación de Mulleres Rurais de Teo. Despois da lectura gardarese un minuto de silencio en lembranza das vítimas de violencia de xénero.
Ese mesmo xoves 24 de novembro, a partir das 18:15 horas, realizarase unha representación teatral dramatizada polos membros da agrupación ASPAMITE e unha lectura de textos e música a cargo do alumnado do IES de Cacheiras.
O venres 15 de novembro celebrarase unha mesa redonda no Centro Sociocultural da Ramallosa a partir das 20:00 horas, na que intervirán Laura Rodríguez Manso, xefa da Unidade de coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno, Alejandro Gómez Aragón, funcionario da Policía e experto en programas de autoprotección para mulleres e Rosa Gómez Limia, presidenta de Teenses pola Igualdade.
En relación con este tema esta mañá reuniuse no Concello de Teo a Xunta Local de Seguridade para crear a Mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. Esta mesa de traballo reunirase a partir do mes de decembro, unha vez cada trimestre, e nela estarán presentes representantes da Subdelegación do Goberno, das forzas de seguridade do Estado así como persoal do Concello da área de Benestar e Igualdade e da Policía Local.
Esta mesa, presidida polo concelleiro de Benestar e Igualdade, ten carácter permanente e é un órgano de asesoramento da Xunta Local de Seguridade. Ten como principal obxectivo coordinar as actuacións na prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario