Auditorio de Galicia – programación cieuropa na fin de semana

Alberto Yaccelini repite mañá o encontro co público de Cineuropa

· O realizador arxentino manterá hoxe e mañá un coloquio cos afeccionados que o desexen trala proxección do seu último documental “El fabricante de cepillos”

· A programación desta fin de semana ofrece as últimas películas de Zhang Yimou, Sarah Polley e Arturo Ripstein, ademais da película-impacto mexicana “Miss bala”, que sorprendeu en Cannes

Santiago de Compostela, 18/11/2011.- O recoñecido director arxentino, Alberto Yaccelini, atópase en Santiago para participar nos Encontros co público programados por Cineuropa, no seu 25 aniversario. Yaccelini brindará ao público compostelán a oportunidade de falar con el e achegarse ao seu traballo en calquera dos dous coloquios que celebrará, hoxe e mañá, logo de proxectar o seu último traballo: “El fabricante de cepillos”, un documental lúcido e inquietante sobre a figura dun antigo nazi. As citas son hoxe, no Teatro Principal, ás 20.00 h., e mañá, sábado, unha hora máis tarde (ás 21.00 h), no Salón Teatro.

Alberto Yaccelini, é un dos máis prestixiosos documentalistas do panorama internacional, unha figura cinematográfica de inmenso interese, que asume a totalidade da creación desta obra galardoada en distintos festivais internacionais este ano, xa que é director, guionista, responsable de fotografía e da montaxe, ademais do produtor.

En “El fabricante de cepillos” Yaccelini pregúntase como descubrir onde hai unha historia. Como descubrir que un apracible ancián pode encubrir un personaxe de pasado dubidoso, con facetas menos diáfanas? O personaxe que atopa Yaccelini apelídase Dupont, un belga cuxa adhesión ao nazismo semella ser o centro sobre o que xira El fabricante de cepillos. Con todo, Yaccelini non busca tanto a verdade, desenmascarar un rostro oculto e ominoso, senón preguntarse por que e como se debería facer un documental sobre un personaxe cuxa ambigüidade obriga o cineasta a adoptar unha posición ética.

ZHANG YIMOU E SARAH POLLEY

A programación da fin de semana trae ao festival as máis recentes películas de Zhang Yimou e de Arturo Ripstein, dous nomes que teñen sido punteiros nas dúas últimas décadas do panorama internacional e tamén de Cineuropa. De Zhang Yimou poderase ver “Amor baixo o espiño branco”, que ven de recibir o premio á mellor interpretación feminina na Seminci. E de Ripstein, “Las razones del corazón”, que é a súa versión da Madame Bovary de Flaubert. O filme de Arturo Ripstein chega , ademais, precedido da polémica que xerou o seu pase no Festival de San Sebastián.

Xunto ás obras destes dous veteranos, esta fin de semana entran dous realizadores de nova fornada. Sarah Polley, actriz protagonista, entre outras, de “Mi vida sin mí”, e directora de “Lejos de ella”, programada no festival hai catro anos, estrea no Principal “Take this waltz”, reflexión sobre o (des)amor e as paixóns dentro e fóra da parella, protagonizada por Michelle Williams e presentada a concurso en San Sebastián. E o mexicano Gerardo Naranjo trae a película latinoamericana que máis impacto produciu internacionalmente esta temporada, “Miss Bala”, historia fronteiriza onde unha muller xógase a vida na loita entre un cartel da droga e a policía. “Miss Bala” causou sensación en

C | I | N | E | U | R | O | P | A 2011

Cannes. Os cinéfilos que busquen bouquet, teñen dous citas inescusables: unha, a obra mestra testamentaria de Raúl Ruíz “Misterios de Lisboa”, Cuncha de Prata ao mellor director en San Sebastián, e a ocasión de reencontrarse, pero na pantalla grande, en versión íntegra e restaurada, da colosal “Érase unha vez en América”, unha das mellores películas do último cuarto do século do cinema norteamericano.

“CONTRA A MORTE”

Tamén hoxe, a Sección Docs Cineuropa, ofrece outro debate non menos interesante aberto á participación do público. Será no Salón Teatro, ás 19.00 horas, coa estrea da versión íntegra de “Contra a Morte: unha aproximación a Lois Pereiro”. Un traballo dirixido por Iago Martínez e Alexandre Cancelo no ano no que ao poeta monfortino se lle dedicou o Día das Letras e que, ademais de Ib Cinema S.L., contou coa coprodución da Sociedad Estatal de Acción Cultural. “Contra a morte” é un documento cinematográfico que pretende descubrir ao grande poeta que foi Lois Pereiro, unha voz para o futuro da poesía galega e universal escribindo contra a morte os versos máis fermosos. Poeta total, encarnou con forza a morte e trouxo a Galicia a mellor das vangardas literarias europeas de fins do s. XX.

Ningún comentario: