O plan de musealización de Carboeiro arranca coa ordenanza que regulará a entrada e visita ao cenobio románico
-A Concellería de Cultura levará ao pleno a proposta da taxa para establecer un pagamento simbólico que contribuirá ao mantemento das instalacións
-A tarifa básica será de 1 euro por entrada, 3 euros por visita de 45 minutos e 4 € por percorridos didácticos, con descontos do 30% para pensionistas, estudantes, desempregados e outros colectivos
-Tamén se debatirá a aprobación inicial doutra ordenanza polo uso privado de instalacións culturais do Concello
Silleda, 15 de novembro de 2011. A orde do día do vindeiro pleno ordinario do día 24 incluirá a aprobación inicial de dúas ordenanzas (que se debatirán previamente nas comisións informativas do xoves 17) a proposta do concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, para regular a entrada e visita ao mosteiro románico de Carboeiro e o uso privativo de instalacións municipais.
No caso da ordenanza reguladora da taxa por entrada e visita ao cenobio, establécese un pagamento simbólico de tarifas. O acceso ao mosteiro custará 1 euro por persoa; se inclue visita guiada de 45 minutos, o prezo será de 3 euros; e se se opta por unha visita didáctica de 1 hora e cuarto de duración, de 4 euros (incluíndo xa a entrada nestes dous últimos casos). Haberá unha tarifa reducida con descontos do 30% (entrada 0,70 euros; visita 2,10 euros e percorrido didáctico 2,80 euros) para os maiores de 65 anos; mozos de entre 6 e 16 anos, persoas con carné de estudante ou carné xoven, familias numerosas, grupos de escolares e universitarios dun mínimo de 10 persoas o persoas en situación de desemprego que acrediten esta situación.
As visitas didácticas que inclúen aparte da mera visita explicacións sobre a época do feudalismo e outros contidos históricos deben de ser concertadas previamente.
Non se cobrará aos cativos menores de 6 anos, os membros do Instituto de Conservación Museística e o acceso será igualmente gratuito o Día Internacional dos Museos (18 de maio); o 25 de xullo e durante a celebración do San Lourenzo, patrón de Carboeiro.
Con esta ordenanza ponse en marcha o plan de musealización do coñecido mosteiro silledense. “Suporá o inicio dunha actividade máis profesional, cunha mellor recepción aos visitantes e a posibilidade de ofertar visitas durante todo o ano”, explica Da Torre. Así, a aposta é manter o mosteiro aberto ao público as xornadas festivas e fins de semana e en temporada alta, dende xuño a setembro, todos os días agás os luns (día en que acostuman a pechar todos os museos).
Máis de 8.000 visitas e uso público garantido
“Esta decisión adóptase porque se pretende ofrecer un servizo de calidade aos máis de 8.000 visitantes que cada ano pasan por este baluarte do turismo e o patrimonio histórico-artística de Trasdeza”, conclúe o concelleiro, advertindo que este ano vai camiño de superar o récord de visitas.
Así mesmo, Da Torre explica tamén que o mosteiro ten uns custes de mantemento, e que o pagamento das taxas aportará outra dimensión máis global, “como xa se ten feito en Asturias ou Cataluña con monumentos coma este. Búscase que o visitante que chegue a Carboeiro poida “gozar dalgo máis que de unha apertura de portas”, argumenta.
Outro paso será convocar un concurso para concesionar a recepción e visitas guiadas, “nunca os servizos, entrada ou actividades, polo que o uso e xestión do mosteiro seguirá sendo totalmente público”.
Instalacións culturais
No pleno do vindeiro xoves tamén se debatirá a ordenanza para regular prezos polo uso privado das instalacións Casa da Cultura de Silleda, a Casa da Xuventude e o auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. Preténdese que esta taxa cubra os gastos derivados por facer uso das instalacións (persoal, limpeza…) e contribúa ao seu mantemento. A ordenanza establece tarifas por tramos horarios.
Na Casa da Cultura de Silleda, o custo por uso das aulas será de 2 euros /hora (ata a 6ª hora); 2,5 euros entre a 6ª e ata a oitava hora e 20 € por día completo. O salón de actos terá un custe de 10 €/hora ata a 6º hora; 15 por hora (entre 6ª e 8ª) e 100 euros por día.
Para a Casa da Xuventude as tarifas seguindo os esquemas horarios será tamén de 2€/hora ; 2,5€ e 20 € por día no caso das aulas e de 4, 5 € e 40 euros por día polo uso do salón de actos.
O uso do auditorio Manuel Dopazo tamén leva as mesmas tarifas, no caso do aulario que os anteriores, e polo auditorio os prezos será de 15 euros/hora ata 6 horas; 20 de 6 a 8 horas e 150 euros por día completo.
A nova normativa, que se aplica en outros concellos da zona, inclue tamén as posibles peticións de uso ou actividades no mosteiro de Carboeiro, cun custe de 30 euros por hora (ata a 6ª hora); 40 euros/hora ata a oitava hora e 300 euros por unha xornada completa.
Quedarán exentos do abono destas taxas os grupos políticos, agrupacións de electores e sindicatos, asociacións e entidades de carácter benéfico, educativo ou asistencial sen ánimo de lucro que estén no rexistro municipal de asociacións, e colectivos veciñais que celebren reunións periódicas.
“Nas dúas ordenanzas propostas non estamos a falar de taxas impositivas para os cidadáns, senon de tarifas para facer fronte os gastos que acarrean ás arcas municipais este tipo de usos e servizos”, engade o concelleiro. Estas ordenanzas, así como a proposta para axilizar a apertura de establecementos presentaranse a todos os grupos municipais nas comisións informativas de pasado mañá xoves, onde se abrirán ao debate e posibles novas aportacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario