O PSOE de Ames obriga ao goberno a negociar cos sindicatos coa finalidade de dar marcha atrás no despido dos traballadores
Carlos Fernández compareceu o xoves ante a Secretaría Xeral para denunciar o incumprimento da obriga legal de negociar cos representantes sindicais, forzando a Amor a sentarse cos eles o luns
Os socialistas, que onte abandonaron a Comisión Informativa tras denunciar a súa ilegalidade, esixen que a negociación se empregue para sacar adiante un acordo que impida que haxa nin un só despido
O Partido Socialista de Ames ven de forzar ao goberno municipal a sentarse co Comité de Empresa para dar marcha atrás na proposta de eliminación de doce postos de traballo no Concello de Ames, tras denunciar o incumprimento por parte do equipo de Santiago Amor da obriga legal de levar a cabo unha negociación cos representantes sindicais antes de proceder a calquera reforma no cadro de persoal, e por tanto, con máis motivo, ante unha modificación que supón o despido de nove traballadores e a eliminación de outras tres prazas vacantes.
O goberno popular anunciou que se reunirá o vindeiro luns cos representantes dos traballadores despois de que o voceiro socialista, Carlos Fernández, comparecera onte xoves ante a Secretaría Xeral do Concello para denunciar que o expediente da Comisión Informativa de Persoal, convocada dous días antes, non incluía a acta da mesa xeral de negociación. A lei esixe que esa documentación forme parte do mesmo dende que se realiza a convocatoria e, polo tanto, a súa carencia, 48 horas despois de realizada esta, impedía que a proposta de despido fora abordada pola Comisión Informativa proposta para hoxe e en consecuencia, polo Pleno da Corporación do vindeiro xoves. De feito, a Comisión non chegou a celebrarse pois os edís socialistas denunciaron o seu carácter ilegal e, en consecuencia, negáronse a participar en ela e abandonaron a sala.
O feito de que tivera que ser Carlos Fernández quén lle recordase ao actual alcalde as súas obrigas amosa, para os socialistas, o total descoñecemento que ten Amor do proceder administrativo, algo imperdoable para quén foi elixido polos amienses para xestionar os seus intereses nun momento tan crucial como o actual e, o que aínda é máis grave, a súa absoluta falta de respecto aos dereitos dos traballadores.
Nese senso, Fernández esíxelle ao novo alcalde que “faga virtude da necesidade” e aproveite a reunión que os socialistas lle obrigaron a manter co comité de empresa para traballar en serio na procura de solucións que impidan un só despido, esquecendo a reforma anunciada: “Pelexaremos para que nin un só dos traballadores do Concello vaia a parar á cola do paro”, di . O voceiro socialista defende que hai fórmulas para reducir os gastos da administración local sen deixar desamparado a ningún traballador e esixe a Amor que se sente a negocialas cos afectados. Para Fernández “os encontros mantidos polo goberno cos traballadores esta semana son un mero paripé para intentar cumprir pola porta de atrás a obriga legal de levar a cabo unha negociación real y efectiva cos representantes sindicais ante calquera reforma que afecte ao persoal, e máis aínda ante unha de este calado. E por iso esiximos que agora que a nosa intervención lles obrigou a negociar cos traballadores, esquezan a súa proposta e busquen fórmulas alternativas para que ningún traballador quede na rúa”.
Carlos Fernández definiu o ocorrido nos últimos días como “a cronoloxía dun despropósito”:
-Luns, día 14 de novembro: A Secretaría Xeral do Concello de Ames emite un informe sobre a proposta do goberno local de eliminación de doce postos de traballo, advertindo, entre outras cuestións, da obriga de levar a cabo previamente unha negociación coa representación legal dos traballadores.
-Martes, día 15 de novembro: O goberno pretende cumprir a obriga legal cun “paripé” de negociación. Séntase cos sindicatos minutos antes de proceder á convocatoria da Comisión Informativa sen facerlles chegar con anterioridade, como era a súa obriga, o contido da súa proposta, provocando que os representantes dos traballadores se levanten da mesa. Coa intención de acadar a acta volven convocalos para o venres, descoñecendo que xa incumpriron os prazos legais.
-Xoves, día 17 de novembro: O voceiro socialista, Carlos Fernández, comparece ante a Secretaría Xeral para consultar o expediente da proposta de eliminación de postos de traballo incluída na orde do día da Comisión Informativa e, tras comprobar que o mesmo non inclúe a acta da mesa xeral de negociación como é preceptivo, denuncia a imposibilidade de a proposta sexa tratada na reunión da Comisión prevista para o día seguinte.
-Venres, día 17 de novembro: O goberno local séntase co Comité de Empresa co único obxectivo de acadar a acta pero sen ningunha intención de levar a cabo negociación algunha. Conscientes grazas a denuncia dos socialistas da imposibilidade de abordar o asunto na Comisión prevista para unhas horas despois, convocan aos sindicatos para negociar o vindeiro luns, 21 de novembro. Os socialistas denuncian a ilegalidade de Comisión, ao no estar completo o expediente no momento de convocarse esta e, negándose a participar nun acto ilegal, abandonan a sala. O PSOE esixe ao goberno que aproveiten a obriga legal de negociar co Comité para buscar unha alternativa que supoña o mantemento da totalidade dos empregos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario