Silleda – nome para o pavillón municipal

O pavillón municipal de Deportes de Silleda levará o nome de César González Fares

-Pola súa vinculación ao mundo do deporte e a súa destacada traxectoria, chegando a ser campión de España en lanzamento de martelo, a Alcaldía elevará ao pleno a proposta en memoria do que fora durante anos técnico municipal, e que faleceu o pasado mes de xuño

Silleda, 16 de novembro de 2011. A comisión informativa de Réxime Interno abordará mañá outra proposta da Alcaldía para ser debatida en pleno. Trátase de darlle o nome do deportista César González Fares, que faleceu de xeito repentino o pasado mes de xuño aos 51 anos, ao pavillón polideportivo de Silleda. “Pola súa traxectoria no mundo do deporte, en disciplinas como o balonmán ou o atletismo, e a fonda pegada que deixou non só en Silleda, a calidade humana de César, cremos que é un recoñecemento que ten máis que merecido”, apunta a alcaldesa, Paula Fernández Pena.

Ademáis, a rexidora lembra que, a día de hoxe, César González Fares é o deportista silledense que máis lonxe ten chegado, acadando o título de campión de España en lanzamento de martelo, unha disciplina do Atletismo na que se iniciou estando en La Salle (Compostela) e coa que chegaría a participar en torneos internacionais da man da selección española. A súa brillante traxectoria está tamén moi ligada ao mundo do Balonmán. Logo de pasar polo equipo de A Estrada, González Fares militou durante moitos anos no conxunto lalinense. Coa camiseta negra e vermella foi un dos artífices do ascenso a Primeira División na tempada 83/84, ou a victoria na primeira Copa Galicia. Tamén entrenou a diversas categorías do Balonmán Lalín, onde o seu recordo segue moi presente.

Por todo isto, e tendo tamén en conta o seu papel activo en entidades como a Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, e o seu destacado traballo como técnico municipal de Deportes, tarefa que desempeñou durante máis dunha década, dende a Alcaldía formúlase esta proposta “que vén a ser un novo recoñecemento á figura de César, que como persoa e deportista, está xa vencellado á historia de Silleda”, remarca Paula Fernández.

Rúa Doutor Penoucos

Outro dos asuntos que se abordará tamén na citada comisión de mañá para a súa elevación ao pleno do vindeiro xoves día 24, é o cambio na denominación da rúa Fernando Penoucos Pájaro, da Bandeira. O nome foille outorgado no pleno de setembro de 2009 á rúa antes coñecida como da Estación, logo dunha iniciativa popular. O que se propón agora é modificar a denominación, pasando a ser só rúa Doutor Penoucos, en memoria do que fora coñecido médico e benefactor da localidade.

Cambios no rueiro

Por outra banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, avanza que a empresa encargada no seu día de dar os primeiros pasos na implantación da a e-administración no Concello de Silleda, xa foi encomendada para actualizar os nomes das rúas que figuran no padrón municipal. No ano 2008 foi revisado o rueiro das localidades de Silleda e A Bandeira , con denominacións distintas e a creación de 10 novos nomes para distintos tramos. Con esta medida preténdese evitar erros e tamén que siga figurando o antigo nomenclátor nos certificados de empadronamento e outros documentos municipais. Tamén se fixo unha revisión das placas do rueiro e detectouse xa algunha falla, que serán repostas á maior brevidade.

Ningún comentario: