Unha charla de Victoriano Nodar sobre a igrexa de Breixa abre o curso obradoiro sobre o románico en Trasdeza
-O profesor da USC disertará sobre as características do edificio o vindeiro sábado 19 ás 21.00 horas
Silleda, 14 de novembro de 2011. O curso obradoiro sobre o románico trasdezao, que impartirá no local de Breixa o artista silledense Antonio González Abal a partir da vindeira semana, contará como preludio cunha charla aberta ao público en xeral sobre a igrexa desta parroquia, un dos múltiples exemplos do estilo arquitectónico no municipio. O sábado día 19, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Victoriano Nodar, disertará a partir das 21.00 horas sobre o templo coa conferencia titulada “A igrexa de Santiago de Breixa: entre a cultura letrada e a cultura popular, nunha sesión prevista no local social . A charla acompañarase tamén dunha visita guiada ao interior do templo románico, no que destaca a rica decoración interior, moi ben conservada, cun notable arco dobre de medio punto no acceso ó presbiterio, así como o variada imaxinería representada nos capiteis, con leóns, centauros, aves, sereas, ou grifos.
Entre as líñas básicas do curso obradoiro de artesanía, xa coas 15 prazas cubertas, figura a posta en valor doOrico patrimonio cultural de Trasdeza a nivel histórico, paisaxístico e medioambiental, que aínda non está suficientemente valorizado por aquelas personas que máis capacidade deberían de ter para proxectalo e dalo a coñecer, isto é, polos propios veciños do lugar. Dende a Concellería de Cultura, que dirixe Matías Rodríguez da Torre, tamén se persegue con esta iniciativa divulgar, protexer e fomentar o patrimonio histórico e artístico das parroquias, así como que os participantes “aprendan valorar e a transmitir a importancia dos valores patrimoniais do seu entorno. A igrexa de Santiago de Breixa representa unha das mellores xoias do románico de Galicia, así como outros templos da contorna (Mosteiro de Carboeiro, Ansemil ou O Castro). “Este privilexio pode e debe ser aproveitado polos veciños das parroquias para aprender a querer e valorar o que temos asi como para saber transmitirllelo ós demais”, engade Da Torre
Ningún comentario:
Publicar un comentario