Ordes – exposición na biblioteca

A Biblioteca de Ordes acolle dende hoxe a exposición dos traballos presentados ao I Concurso de Debuxo Infantil “Non tires os chicles nin os papeis ao chan”

Ordes, 18 de novembro de 2011: Dende hoxe e ata pasadas as vindeiras festas de Nadal a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes acollerá a exposición de todos os traballos presentados no I Concurso de Debuxo Infantil “Non tires os chicles nin os papeis ao chan”, organizado polo Concello a través da concellería de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible.ORDES - EXP BIBLIOTECA

En total foron 50 os traballos presentados a este certame, entre os presentados na convocatoria libre e os pertencentes aos alumnos e alumnas de todas as escolas unitarias do municipio que quixeron ser partícipes desta iniciativa.

Todos aqueles que queiran ver os debuxos realizados polos máis pequenos de Ordes poderán facelo visitando a biblioteca no seu horario habitual de apertura. Ademais os traballos presentados tamén se poden consultar na rede, concretamente na páxina web do Concello www.concellodeordes.com e no perfil de facebook “Medio Ambiente Ordes”.

O certame estivo dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que presentaron debuxos que tiñan que estar relacionados coa temática “imaxina o teu pobo sen lixo nin contaminación”. En próximas datas coñecerase o fallo do xurado.

O obxectivo deste certame, tal e como explicaron dende o departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible que dirixe o edil José Luis Gómez Candal, foi concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de ter un municipio limpo.

Ningún comentario: