Silleda – nova ordenanza municipal de limpeza

Hoxe entra en vigor a ordenanza municipal de limpeza e ornato de Silleda

-Logo de informar aos propietarios de solares con maleza o pasado mes de agosto e de que a maioría non cumplira, enviaranse novos escritos informando da sanción á que se enfrontarán se non limpan as fincas no tempo que se lles indique

Silleda, 10 de outubro de 2011. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe o texto íntegro da ordenanza de de Convivencia, Residuos, Limpeza Viaria e Ornato do Concello de Silleda. Logo da súa aprobación no Pleno e de que non se rexistraran alegacións, esta publicación supón a entrada en vigor definitiva desta normativa municipal, en virtude da cal o Concello pode iniciar os correspondentes expedientes sancionadores.

No texto recóllense distintos aspectos e normas relacionadas, como o seu nome indica, coa limpeza de solares, vías ou o tratamento de residuos. En canto ao mantemento de solares, a normativa establece que os propietarios de terreos situados no termo municipal deberán mantelos nas debidas condicións de hixiene, salubridade e seguridade.

“Para iso, realizarán as tarefas de mantemento necesarias co fin de que permanezan limpos de maleza, evitando que as augas de escorrentías e as ramas das árbores afecten ao espazo público. Esta obriga comprende tamén a esixencia de desratización e desinfección dos citados terreos, cando estean próximos ás vivendas”, reza un dos artigos referidos á limpeza de solares.

Igualmente, no artigo 80 do citado texto, e no relativo ao procedemento a seguir, recóllese que o Concello, logo do trámite de audiencia aos interesados, requiriralles que, no prazo que se lles indique, realicen as obras ou operacións necesarias para manter os terreos nas debidas condicións de hixiene, seguridade, salubridade, ornato público, e, de ser o caso, o valado dos mesmos.

Nova comunicación a propietarios

Dende o Concello remitíronse a mediados do pasado mes de agosto cartas aos donos de solares en zona urbana sitos en Silleda e A Bandeira nos que tras unha revisión efectuada pola Policía Local se detectou a existencia de maleza e suciedade. Dos 31 solares (27 de Silleda e outros 4 de A Bandeira) incluidos no listado, só dous propietarios acometeron a limpeza, segundo se desprende dunha recente inspección ao respecto. Así as cousas, o Concello de Silleda volverá a remitirlle unha segunda comunicación lembrándolles a obriga de manter limpas as súas parcelas e procedendo xa a informarlles de cal sería a sanción que terían que pagar , no caso de non acometer os traballos no prazo de tempo que se lle indique.

O incumprimento da ordenanza (tanto no caso da limpeza de solares como noutros aspectos recollidos no texto) pode implicar a apertura de expedientes sancionadores e tamén multas coercitivas As sancións económicas poden variar entre os 50 euros da infracción tipificada como leve ata 3.000 euros, para as moi graves. A ordenanza introduce tamén a posibilidade de convir traballos en beneficio da comunidade, en lugar de sancións económicas en función das circunstancias de cada caso.

Este procedemento adicional, segundo recolle a ordenanza será especialmente aplicable nos actos vandálicos (sustración, queima, rotura ou pintado en mobiliario urbano, ou realización das necesidades fisiológicas na vía pública, entre outros).

Ningún comentario: