Oroso – tardes divertidas dedicadas a igualdade

O CONCELLO DE OROSO ORGANIZA ESTE MARTES UNHA XORNADA DE EDUCACIÓN EN IGUALDADE NO MARCO DO PROGRAMA “TARDES DIVERTIDAS”

Dirixido a nenos e nenas de 6 a 11 anos, a asistencia é libre e de balde

10 de outubro de 2011.- O Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, organiza mañá martes 11 de outubro, entre as 16:30 e as 18:30 horas, unha xornada de Educación para a Igualdade. Unha iniciativa que terá lugar no marco do programa de conciliación familiar “Tardes Divertidas”, que durante mañá martes estará aberto de xeito libre e gratuíto para todos os nenos do municipio.

A xornada está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos de idade. Os obxectivos da mesma será romper cos estereotipos e roles de xénero, reflexionar sobre a corresponsabilidade e tratar de identificar e eliminar aspectos sexistas na nosa propia linguaxe. Uns elevados obxectivos que se tratarán de acadar mediante unha metodoloxía lúdica, de xeito que os rapaces cheguen a esas conclusións a través do xogo.

Esta xornada de Educación para a Igualdade terá lugar nas instalacións do CEIP de Oroso, en horario de 16:30 e as 18:30 horas, no marco de “Tardes Divertidas”, un programa de conciliación familiar posto en marcha este ano polo Concello de Oroso e que dá servizo a todos os nenos de 3 a 12 anos escolarizados en Oroso. Un programa que inclúe obradoiros formativos e recreativos, actividades físicas, exposicións de traballos manuais, sesións de música e baile, circuítos de educación viaria, festas temáticas, reforzo escolar...

Ningún comentario: