Ames remitiu hoxe os ficheiros contables correspondentes á Conta de 2010 ao Ministerio de economía
A Conta Xeral do Concello de Ames está aprobada con Decreto nº 1790/2011 dende o pasado venres día 7 de outubro pero un problema informático impediu remitila ao Ministerio ata hoxe
Ames, 11 de outubro de 2011. O Concello de Ames formou a Conta Xeral do 2010 o pasado venres día sete de outubro, pero debido a un problema coa aplicación informática relacionado co programa contable, non se puido enviar ao Ministerio de Economía ata hoxe, día 11 de outubro. Deste xeito, o concello de Ames, que aprobara en pleno e por unanimidade unha solicitude ao Ministerio pedindo ampliación de prazo para render a conta ata finais de outubro, rende a Conta por primeira vez en moitos anos dentro do exercicio que lle corresponde, aínda que fóra do prazo do Consello de Contas, que está establecido ata o 15 de outubro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou hoxe que espera que finalmente non se produza a retención de 400.000 euros por parte do Estado, e que como moito se produza un atraso no pago.
O pasado venres día sete firmouse o decreto nº 1790/2011 polo que quedou aprobada a liquidación da Conta Xeral do Concello de Ames e hoxe quedarán transmitidos os ficheiros ao Ministerio de Economía. O problema informático que impediu remitir antes a Conta non se puido solventar ata esta semana debido a que a aplicación contable é a mesma que emprega a Deputación de Coruña e o pasado venres foi festivo local na cidade herculina. Santiago Amor, explicou que “espera que nos anos vindeiros non se repitan episodios coma este” e afirmou que “o que se fixo foi cumprir, co esforzo dos traballadores municipais, cunha responsabilidade herdada da mala xestión de Carlos Fernández” por iso “agradeceu a labor dos servizos económicos deste Concello, que traballaron dobrando quenda durante as últimas semanas”.
Santiago Amor explicou que agora mesmo as nóminas dos traballadores do concello non corren perigo, “porque ademais se tomaron medidas para ter un remanente de tesourería co fin de facer fronte a imprevistos”. O rexedor amiense transmitiu unha mensaxe de certa tranquilidade aínda que a situación económica do Concello “segue sendo complicada”. Nas vindeiras semanas cobraranse recibos da contribución urbana por valor de máis de 4 millóns de euros, pero “trátase dun diñeiro que xa está gastado en facturas e outros compromisos de pago coma un crédito de 2 millóns de euros” explicou o popular Santiago Amor, que afirma que a partir de agora se traballará no novo Orzamento de cara ao vindeiro exercicio, e máis a medio prazo nun Plan de Equilibrio Financeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario