O Concello de Ames firmou un contrato coa asociación “Os Castros” polo cal esa asociación asume o obradoiro municipal de baile tradicional, gaita e pandeireta
O contrato inclúe 15 actuacións de “Os Castros” repartidas entre o que queda de ano e durante todo o 2012
O contrato suporá un aforro duns 14.000 euros con respecto ao que había con anterioridade, pero principalmente suporá transparencia e unha clara aposta polas asociacións do propio municipio
Ames, 13 de outubro de 2011. A concellería de Cultura, Educación e Patrimonio de Ames firmou un contrato coa asociación cultural amiense “Os Castros” polo cal esa asociación asume o obradoiro municipal de baile tradicional, gaita e pandeireta. O contrato suporá un aforro duns 14.000 euros con respecto ao que había con anterioridade, pero principalmente suporá transparencia e unha clara aposta polas asociacións do propio municipio.
O concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, explicou que este contrato é o resultado de “dialogar con practicamente todas as asociacións que hai neste concello para logo tomar unha decisión”. Esta decisión estivo movida polo aspecto económico e porque a asociación facía unha oferta total de formación nos tres ámbitos que se traballan no obradoiro, baile, gaita e pandeireta. Alfonso Rey explica que “a obriga do Concello é xestionar unha oferta o máis satisfactoria posible e ofertar un servizo co aval de informes técnicos que xustifiquen as propostas”.
O importe a pagar por este obradoiro é de 50 euros por persoa e curso. Nos anos anteriores esta actividade supoñía un custe para o concello de máis de 33.000 euros e o novo contrato firmouse por 19.000 euros. Este contrato inclúe 15 actuacións de Os Castros repartidas entre o que queda de ano e durante todo o 2012.
O edil de cultura, Alfonso Rey, explicou que aínda sendo destacable o aforro que permite o cambio de asociación que imparte o obradoiro, o máis importante é “que se buscou o mellor para os usuarios do obradoiro”. Alfonso Rey explicou que co contrato se da “un salto cualitativo en calidade demostrando que se poden facer as cousas mellor dun xeito máis económico”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario