O Concello de Ames prepara un Plan de Choque para repoñer os xardíns da rúa Anxeriz no Milladoiro
Ames, 14 de outubro de 2011. O Concello de Ames prepara un Plan de Choque para repoñer os xardíns da rúa Anxeriz onde o anterior goberno, con Carlos Fernández á cabeza, fixo unha inversión de 1.256.141,56 euros sen contemplar previsión para un posterior mantemento polo que agora os xardíns están totalmente abandonados e presentan un grave estado de deterioro ao igual que o pavimento da propia rúa.
Nos próximos días o Concello procederá ao levantamento e acondicionamento de tódolos xardíns da Rúa Anxeriz así como á instalación dun rego ecolóxico que permita un gasto eficiente da auga sen despilfarrala. Os xardíns atópanse gravemente deteriorados por non contar cun sistema de rego propio e debido a que a seca obrigou a restrinxir o uso de auga para garantir o consumo doméstico.
Este non é un caso illado de despilfarro de diñeiro en infraestruturas para as que non se prevé un mantemento posterior, pois o mesmo ocorreu co cemiterio municipal no que se investiron preto de 2 millóns de euros e 70.000 euros máis nun xardín, cando a obra nin sequera estaba rematada e para o cal tampouco se tivo previsión de mantemento.
Os traballos serán realizados por un grupo de alumnos en prácticas que acolle o Concello de Ames procedentes dun centro de formación encadrados dentro da Programación de Accións Formativas dirixidas a persoas traballadoras en desemprego. Entre os traballos que levarán a cabo está a poda das árbores e o replantado de especies. Estas actuacións levaranse a cabo cando comece a cambiar o tempo para ter maiores posibilidades de éxito no replantado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario