Frades – cursos gratuitos para ocupados

O CONCELLO DE FRADES ORGANIZA SETE CURSOS DE FORMACIÓN GRATUITOS PARA ADULTOS OCUPADOS

Mantén os obradoiros máis exitosos (xardinería, arte floral, conservación de alimentos, cociña, pintura en vidro e informática) e propón tapicería de mobles como novidade

13 de outubro de 2011.- O Concello de Frades organiza sete cursos de formación gratuitos, de trinta horas de duración cada un, dentro do seu programa de actividades “Outono-Inverno 2011”. Un programa que este ano inclúe unha novidade: un curso de tapicería de mobles, así como novas edicións dos obradoiros que rexistraron unha gran participación na convocatoria de 2010, como son os de xardinería, conservación de alimentos, arte floral, pintura en vidro, informática e, sobre todo, cociña. De feito, o curso de cociña foi unha das grandes sorpresas da pasada convocatoria, xa que estaba inicialmente previsto a realización dun obradoiro na Pontecarreira e finalmente houbo que amplialo tamén á parroquia de Galegos, debido á gran demanda rexistrada.

Sete actividades educativas e formativas que están dirixidas especialmente aos adultos ocupados do municipio co obxectivo axudarlles a mellorar a súa formación laboral e mesmo abrirlles novas posibilidades de negocio. As clases terán lugar no edificio multiusos do Concello de Frades e tanto as datas e os horarios serán determinados unha vez que se conforme o grupo, de acordo co horario e cos intereses dos participantes. Por iso é preciso anotarse canto antes na Casa do Concello ou no teléfono 981 695 567, xa que os cursos comezarán en canto se conforme un grupo.

Ningún comentario: